O equipo redactor acaba de concluír os traballos técnicos
O Concello de Riveira informa de que veñen de finalizar os traballos técnicos dirixidos a analizar e avaliar as distintas propostas alternativas existentes cara a ampliación do chan industrial no noso municipio.
Catro destas alternativas están encadradas na contorna da Carballa, ben sexa na parte superior á autovía da Barbanza ou ben na parte inferior.
Así mesmo, estudáronse outras posibilidades como a zona limítrofe comprendida entre os municipios de A Pobra e Riveira, ou mesmo os terreos onde no seu día a Xunta tiña proxectado construír o chamado macropolígono.
En función de diferentes parámetros como a accesibilidade a vías de comunicación, as características do terreo orográfico, a posibilidade de emprender futuras ampliacións ou normativas como o Plan de Ordenación do Litoral (POL) ou as dispostas sobre protección do patrimonio, o equipo redactor do proxecto propón tamén unha solución máis viable.
En todo caso, dos referidos traballos darase conta aos grupos da Corporación nunha reunión mañá martes pola tarde para, acto seguido, informar tamén noutra xuntanza aos membros da asociación empresarios.