Sunday 24 de November de 2024

A APLU asume as competencias municipais sobre inspección urbanística transferidas polo concello de Coirós


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se formaliza o convenio de adhesión asinado entre a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a administración local
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) comezará a exercer as competencias municipais sobre inspección, supervisión, control e reposición da legalidade urbanística transferidas polo concello de Coirós (A Coruña), dentro do seu ámbito, mediante un convenio de adhesión asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a administración local.

Mediante este acordo, cuxa orde recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2pVvWrl), o concello delega na APLU o exercicio destas competencias en relación coas obras e usos do solo que se realicen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás condicións e sempre e cando se desenvolvan en solos catalogados como rústicos ou non urbanizables en calquera das súas categorías, urbanizables ou aptos para urbanizar mentres non fose aprobado o correspondente plan e núcleos rurais delimitados como tales no planeamento municipal.

Deste xeito, a partir de mañá a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística asumirá estas funcións, que, de forma voluntaria, os concellos ceden para que sexa a APLU a que dun modo obxectivo e eficaz protexa a paisaxe e o entorno.

Cómpre lembrar que este organismo público é de natureza consorcial e ten encomendada a función de control e disciplina urbanística en Galicia. As súas principais actuacións son a asistencia técnica e xurídica aos concellos adheridos e a formación e concienciación cidadá, co fin de que os operadores xurídicos e técnicos, así como a cidadanía en xeral, estean formados en valores proteccionistas do noso patrimonio natural. Tamén se inclúe a tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores, e a protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

As cifras dos concellos adheridos
O número total de concellos adheridos á APLU ascende a 66, co seguinte reparto provincial: 24 na Coruña 20 na de Ourense, na provincia de Lugo 11 e outros 11 na de Pontevedra. En total suman suman 5.269 quilómetros cadrados, o que se traduce nun 17% da superficie total de Galicia (1.787 Km2 na provincia da Coruña, 1.592 Km2 na de Lugo, 1.243 Km2 en Ourense e 647 Km2 en Pontevedra).

En relación co número de habitantes, os 66 concellos adheridos á APLU suman un total de 344.827 habitantes, estando a provincia da Coruña na cabeza con 162.861, 30.221 na de Lugo, 58.687 na provincia de Ourense e 93.058 na de Pontevedra. É dicir, un 12,6% da poboación total de Galicia.