Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente emite o informe urbanístico favorable para a implantación da residencia universitaria nas instalacións do Colexio Fogar Calvo Sotelo


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de emitir o informe de aprobación definitiva da Modificación Puntual do Plan Xeral da Coruña

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de emitir o informe urbanístico favorable que permite a implantación da residencia universitaria nas instalacións do Colexio Fogar Calvo Sotelo, na Coruña.

Así se recolle no informe previo á aprobación definitiva da Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Coruña, que ten por finalidade facer factible a implantación dunha residencia universitaria nas instalacións do Colexio Fogar Calvo Sotelo, conforme ao convenio subscrito entre a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña.

A parcela obxecto da proposta está clasificada polo PXOM vixente como solo urbano consolidado, coa cualificación de equipamento dotacional público, de carácter local, destinado en parte a uso administrativo, uso administrativo/docente e en parte a uso cultural. Así a modificación puntual incluirá esta parcela no sistema xeral de equipamentos, en correspondencia coa realidade existente, posto que alberga usos de carácter xeral ao servizo do municipio, como son diversas dependencias da Deputación da Coruña ou o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo aproba esta modificación, dado que se axusta ás razóns de interese público, un mes despois que a totalidade de información do proxecto, remitida polo Concello da Coruña o pasado 23 de marzo, fose analizada polo departamento de urbanismo.

Segunda modificación aprobada
Cómpre lembrar que o pasado venres, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio tamén emitía o informe que permite a ampliación do Campo de Fútbol de Eirís e da fábrica de cervexa Estrella Galicia; polo que -coa modificación para a implantación da residencia universitaria- Medio Ambiente emite o segundo informe a unha modifiación puntual ao PXOM da Coruña.

No caso anterior, tratábase do informe previo á Modificación Puntual que permite ampliar e mellorar a oferta dos equipamentos deportivos existentes, garantindo a súa distribución equilibrada no territorio municipal e, por outro lado, permite o desenvolvemento de actividades industriais-terciarias, que contribúan a potenciar o sector produtivo, para posibilitar a ampliación da fábrica de cervexas de Hijos de Rivera S.A.U.