A XXVIII edición celebrarase do 28 ao 30 de abril. Daranse conta de máis de 3.5000 quilos de champiñóns na tradicional degustación que terá lugar o último día. A cita acollerá o II Salón Moda & Eventos, unha feira artesanal con máis de 30 postos, ademais dunha ampla exposición de motos antigas
A conselleira de Medio Rural Ánxeles Vázquez será a encargada de inaugurar a XXVIII Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola ExpoOrdes. Unha nova edición que terá lugar os días 28, 29 e 30 de abril e que contará con 150 postos nos que se exhibirán as últimas novidades de importantes firmas comerciais pertencentes a diversos sectores como os da alimentación, automoción, construción, moble, medio ambiente, enerxías renovables, acción social, deportes, mecánica, maquinaria agrícola e gandeira, téxtil etc. Por suposto tanto o Concello como a Mancomunidade de Ordes contarán co seu propio espazo. En total habilitaranse máis de 13000 metros cadrados de exposición situados no céntrico Campo da Feira, onde se instalará unha gran carpa de máis de 3000 metros cadrados.
Como cada ano o Concello de Ordes dedicaralles aos empresarios e autónomos da zona o primeira das tres xornadas. O programa arrancará ás 20.30 horas coa apertura do recinto feiral, o tradicional percorrido polas instalacións e a visita polos postos. Este ano a persoa encargada de cortar a banda inaugural será Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Rural.
Xa a partir do segundo día o público xeral poderá acceder libremente á feira nun horario que vai dende as 10 ata as 21 horas. Entre outras novidades alí poderán visitar o II Salón Moda & Eventos, que nesta ocasión estrea ubicación e se instalará baixo a mesma carpa. En conxunto formarán parte del unha ducia de comercios da comarca que ofrecerán o mellor do seu catálogo de prendas. Outra das novidades pasa pola exhibición de motos antiguas que o Club Clásico Ordes levará a cabo no pavillón Campomaior. Ademais, ao longo de toda a fin de semana máis de 30 postos formarán parte da feira de artesanía que se instalará na alameda de Ordes. Entre outros obxectos e creacións poderanse adquirir pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, produtos de alimentación, roupa confeccionada con la e gancho para nenos e nenas e adultos, agasallos, patchwork.
Mancomunidade
O sábado a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acadará un protagonismo especial ao dedicárselle a xornada. Ademais da visita das prinicipais autoridades dos sete concellos que a conforman (Ordes, Frades, Mesía, Tordoia, Trazo, Cerceda e Oroso) o programa inclúe outros aspectos tan destacados como a degustación gastronómica por parte do Consello Galego de Cooperativas. E é que tal e como é habitual arredor dunha decena de cooperativas galegas, agroalimentarias principalmente, terán a súa presenza na que xa é dende hai varios anos unha das feiras máis importantes de toda a Comunidade. A parte máis festiva e musical chegará á tardiña da man da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo.
O domingo 24 de abril Ordes vivirá a súa xornada máis festiva grazas á XXVIII Degustación do Champiñón. Unha convocatoria gastronómica que se estenderá por todos os bares, restaurantes e establecementos hostaleiros que repartirán de balde tapas e racións con cada consumición. En total serán máis de 3500 quilos deste cogomelo a cantidade da que se dará conta este ano.
Para este días contarase coas actuacións do grupo de gaitas Sementes da Arte, coa Banda de Música de Ordes, ademais da charanga Ruada.com.