Algo máis de 650 veciños e veciñas de Oroso, maiores de 60 anos e os seus acompañantes, participaron no tradicional Día dos Maiores do Concello de Oroso, que tivo lugar este sábado no complexo deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. Un acto que estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, á fronte de gran parte da corporación municipal.
Tras a tradicional misa, cantada polo coro Santa Catalina, o alcalde orosán agradeceu a participación dos maiores e convidounos a participar nas distintas actividades que organiza o Concello de Oroso para a terceira idade. O xantar, servido polo restaurante A Magdalena, consistiu nun menú composto por empanada, polbo e tenreira, con fresas con nata de sobremesa e café. Todo regado con auga, viño e refrescos. Logo da comida tivo lugar unha festa-baile.