Friday 22 de November de 2024

Éxito da dobre proposta do concello de Riveira para festexar o Día do Libro


Numerosos veciños acudiron á Biblioteca Municipal de Riveira atraídos pola dobre proposta coa que Concello festexou hoxe o Día do Libro.

Dunha banda, a nosa participación na campaña “Libros sermos libres”, promovida pola Deputación, pola cal se estiveron a distribuír máis de 300 libros entre os veciños que acudiron á dependencia municipal. Obras de Castelao, de Lois Pereiro, de Neira Vilas, de Miguel Anxo Fernán Vello ou de autores locais pasados e contemporáneos como Manuel Lustres Rivas, Xosé Antonio Ventoso Mariño ou Ignacio Lens foron algunhas das que se puideron recoller.

Tan ben resultou a iniciativa que dende o Concello xa se está a pensar en repetir experiencia no marco da vindeira Feira da Educación de Riveira que terá lugar a partir de mediados da semana próxima.

E por outra parte, máis dunha trintena de nenos e nenas acompañados dos seus pais pasárono en grande a actuación do contacontos Luis Vallecillo coa súa función “Cantamos un conto na Biblioteca”.