A sección tipo da senda conta cunha zona destinada ao peón, outra para o tráfico ciclista e unha franxa axardinada para integrar paisaxisticamente a sección e separar a senda de uso mixto da calzada
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciará a vindeira semana as obras de construción dunha nova senda na estrada AC-552, no treito Carballo -Polígono industrial de Bértoa.
O obxecto deste proxecto é a construción dun itinerario peonil e ciclista que permita a circulación de peóns e ciclistas non deportivos pola marxe dereita da estrada AC-552, entre os Pq.29+400 e 30+480, completando un itinerario continuo entre o polígono industrial de Bértoa, onde existe unha senda, e as beirarrúas do núcleo de Carballo.
A actuación encádrase dentro do Programa Operativo FEDER 2014-2020 no que se define como un dos seus obxectivos temáticos específicos favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores mediante o fomento da mobilidade sostible.
A sección tipo da senda está definida por unha zona destinada ao peón, de 3 m de ancho executada en formigón coloreado, outra destinada ao tráfico ciclista de 1,80 m de ancho e unha franxa axardinada de 1,50 m de anchura que permite integrar paisaxisticamente a sección e separar a senda de uso mixto da calzada.
Manteranse os accesos existentes a vivendas e predios particulares desde a estrada, e ordenarase o aparcadoiro ao longo da senda, limitándose o proxecto á pavimentación e pintado das prazas, pero evitando así que a zona destinada ao tránsito peonil e ciclista se poida ver invadida por un vehículo.
Estas obras tamén contemplan a execución de pasos de peóns elevados nas zonas de intersección da senda con outras vías, así como a instalación dunha rede de drenaxe lonxitudinal para a recollida, canalización e evacuación das augas pluviais que se xeran na zona de actuación.
Plan de Sendas
Este itinerario está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, que na comarca de Bergantiños contempla a construción de 7 sendas seguras e saudables mediante o investimento de máis de 4 millóns de euros.
O obxectivo do Goberno galego é que os veciños da Costa da Morte poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.
Para a comarca de Bergantiños, prevense as seguintes sendas: Carballo- Polígono industrial de Bértoa; Laracha- Paiosaco; Carballo- Coristanco; Laracha- O Cancelo; Laxe- Equipamentos- P.Marítimo; Xornes- Buño- Canta la Rana; e Neaño- Cabana.