Friday 22 de November de 2024

Máis de 11.300 mozos da Coruña e a comarca viaxan de balde no bus oito meses despois da implantación da Tarxeta Xente Nova


A Xunta leva investidos preto de 338.000 euros en bonificacións nun programa social posto en marcha a finais de agosto para fomentar o transporte público

A punto de cumprir os seus primeiros oito meses de implantación, a Tarxeta Xente Nova suma xa máis de 11.340 usuarios na área da Coruña. Trátase dunha iniciativa social posta en marcha polo Goberno galego o pasado mes de agosto para fomentar e favorecer o emprego do transporte público e para formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que axuda de forma substancial ás economías familiares.

Da Tarxeta Xente Nova estanse a beneficiar mozos dos concellos de Abegondo (150 usuarios), A Laracha (234), Arteixo (1407), Bergondo (240), Betanzos (380), Cambre (1291), Carballo (498), Carral (197), Cerceda (39), Culleredo (1447), Curtis (26), Miño (178), Oleiros (1601), Ordes (233), Oza-Cesuras (53) e Sada (588). Con todo, o concello que máis usuarios aporta ao programa e A Coruña, con 2791 altas, pese ao paradoxo de que os menores de 19 anos si teñen que pagar por viaxar en autobús polo interior do termo municipal herculino.

Desde súa creación da Tarxeta Xente Nova, o 29 de agosto de 2017, a Xunta de Galicia xa subvencionou ao centro por cento 340.278 viaxes por un importe total de preto de 338.000 euros. Estas cifras significan que en menos de oito meses de funcionamento do programa de gratuidade, cada mozo menor de 19 anos titular dunha Tarxeta Xente Nova levas aforrados unha media de 30 euros.

Para facerse coa Tarxeta Xente Nova, os interesados poden solicitala na web http://tmgxentenova.xunta.gal, onde se ofrecerá ademais cumprida información da operativa da tarifa Xente Nova. A Xunta poderá seguir impulsando o vindeiro ano estas políticas de mobilidade, xa que nos orzamentos galegos hai reservados dous millóns para costear as bonificacións do programa, ao que no pasado exercicio xa se destinaron arredor de 600.000 euros.

A Xunta considera prioritario que os concellos galegos que contan con transporte urbano adopten as medidas necesarias para estender esta gratuidade tamén ao bus urbano, que é de competencia exclusivamente municipal. Cómpre lembrar que o Parlamento galego fixo un chamamento aos municipios con transporte urbano para que se sumen ás condicións vantaxosas que a Xunta lle está a ofrecer aos mozos e mozas galegos.

O programa Xente Nova ten unha vertente educativa, ao facilitar o acceso á formación non obrigatoria, estendendo a gratuidade do transporte aos centros educativos e tamén a outros desprazamentos habituais da xente nova. A medida contempla ademais o factor de sensibilización e concienciación, xa que coa Tarxeta Xente Nova foméntase entre os máis novos unha mobilidade sustentable e respectuosa co medio; tentando formar ás novas xeracións no uso do transporte público, concienciándoos desde pequenos das vantaxes que supón empregar o transporte público fronte ao vehículo particular.