Ambas actuacións sumarán un investimento de máis de 50.000 €
O Concello de Riveira vén de activar a través da aprobación do expediente de contratación dúas importantes actuacións consistentes no acondicionamento dos parques da Tasca e Abesadas, situados nas parroquias de Aguiño e Santa Uxía, respectivamente.
O orzamento total destinado a estas dúas obras ascende a 50.675,75 euros e o prazo de execución é dun mes e medio. A iniciativa forma parte do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.
Polo que se refire ao parque da Tasca, trátase dunha zona verde arbolada que será mellorada a través da demolición do pavimento de formigón que ocupa a zona central e a súa substitución por lousas de granito. Tamén se demolerá a beirarrúa que linda coa rúa Castelao e o espazo resultante será acondicionado para aparcamento. Nos diversos camiños que descorren polo parque proxectarase a extensión de pavimento térreo tipo aripaq, intercalado con outro material formado por lousas de granito. Ademais, na zona posterior ampliarase a zona axardinada aplicando unha capa de terra natural e plantando céspede.
En relación a Abesadas, que xa foi obxecto de distintos avances nos últimos anos, esta vez actuarase sobre a zona diáfana de 390 metros cadrados de superficie que limita co colexio Galaxia substituíndo o pavimento de zahorra existente por outro continuo natural tipo aripaq ou similar.