Saturday 16 de November de 2024

O Concello investirá en 2015 máis de 4,5 millóns de euros nos centros educativos e en equipamentos e torneos deportivos


O presuposto da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude increméntase nun 5,7%, ata alcanzar os 13,2 millóns o próximo ano

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou o Presuposto Municipal de 2015 para a súa área de goberno, que alcanza os 13,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,7% con respecto a 2014, máis de 700.000 euros. O Executivo municipal aumentou paulatinamente as súas contas -un 15,3% máis que en 2012, primeiro presuposto elaborado por este equipo de goberno- para completar o próximo ano un mandato onde prestou especial atención á mellora da calidade educativa e ao fomento da saúde escolar por medio da formación e a actividade deportiva entre nenos e mozos. Así, en 2015, contará para estes fins con máis de 4,5 millóns de euros: en concreto, 2 millóns para a xestión das escolas infantís municipais e proxectos de mellora e acondicionamento de centros educativos da cidade; e con 2,56 millóns para equipamentos e celebración de torneos.
EDUCACIÓN
O Concello tivo entre os seus grandes piares de goberno durante estes catro anos a organización e xestión dunha oferta educativa de calidade para formar aos máis pequenos nos valores dunha sociedade inclusiva. Este compromiso ratifícase en 2015 cun presuposto que supera os 2 millóns de euros para as partidas dirixidas ás escolas infantís municipais (EIM) e para os proxectos de mellora e acondicionamento dos centros educativos da cidade, tanto nas escolas infantís coma en colexios de educación Infantil e Primaria (CEIP), sen contar os 425.000 euros reservados para reparacións noutros edificios que corresponden o departamento municipal de Educación.
Con respecto a este ano, o presuposto para escolas infantís e colexios de Infantil e Primaria sobe un 4%, grazas sobre todo ás dúas novas escolas infantís (Agra del Orzán e Padre Rubinos), co que a oferta se completará ata un total de 827 prazas no curso escolar 2014-2015. A estes dous equipamentos, onde o Concello investirá 382.092 euros, sumarase un terceiro ao que se lle acaba de dar licenza de construción en
A Sardiñeira, dentro do Plan Educa. Con estes tres novos centros educativos, ao final deste mandato contarase con máis de 900 prazas, é dicir, que se terán creado un 40% máis de prazas.
Francisco Mourelo recordou que, dentro deste compromiso por facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, este curso entrou en funcionamento o novo regulamento de organización e funcionamento das escolas incluídas na Rede de Escolas Infantís Municipais, un regulamento máis xusto ao crear oportunidades reais de igualdade, e máis solidario e realista coa situación familiar e socioeconómica, considerándose por primeira vez a existencia de prazas totalmente gratuítas, en función de niveis familiares de renda e para segundos e sucesivos irmáns, tendo en conta así mesmo a situación de familias monoparentais, numerosas ou con algún tipo de minusvalidez, e con garantía de acceso para menores con necesidades especiais de apoio educativo.
Neste sentido, 56 menores obtiveron prazas gratuítas, xa sexa por renda (13 prazas), integración (4 prazas) ou por segundos e sucesivos irmáns (39 prazas), o que supón un custo total de 143.520 euros. Ademais, as tarifas mantéñense conxeladas dende 2012 e, para este curso, o Concello asume o incremento do IPC.
O presuposto reservado para as escolas infantís ao longo deste mandato supera os 4,4 millóns de euros, un 17% máis (638.000 euros) que durante o goberno bipartito, o que evidencia a aposta desenvolvida durante estes catro anos de goberno para mellorar e ampliar a oferta desta rede educativa municipal.
A Concellaría de Educación subliñou que aos investimentos para obras e xestión de centros educativos se suma a filosofía do actual equipo de goberno de ofrecer a súa máxima colaboración ás asociacións que forman parte da comunidade educativa, cunha cifra similar á deste ano e que rolda os 446.000 euros para convenios. Por outra parte, Francisco Mourelo recordou que tamén se destinan máis de 624.000 euros para programas educativos, entre programas en inglés (312.041 euros), madrugadores (20.291 euros) e outras actividades e iniciativas (291.249 euros) que contribúen ao coidado dos nenos e a unha mellor formación académica.
DEPORTES
O Goberno municipal continúa neste último presuposto do mandato coa súa clara vocación cara ao fomento do deporte base e das actividades xuvenís co obxectivo de impulsar valores como o respecto, o traballo en equipo e o compañeirismo. Así, os departamentos municipais de Deportes e Xuventude xestionarán 8,17 millóns en 2015, é dicir, case un
9% máis que este ano.
O Concello puxo especial énfase na mellora das instalacións deportivas e a celebración de eventos que promovan o deporte base, como os Xogos Escolares, as carreiras populares polos barrios ou probas de primeiro nivel como Coruña10, Coruña20 e Coruña42. Así, para alcanzar este obxectivo, o próximo ano o investimento alcanza os
2,56 millóns de euros, o que supón un incremento do 34,6% con respecto a 2014, son case 600.000 euros máis.
Entre as principais obras para a mellora das instalacións deportivas están a rehabilitación da cuberta do estadio de Riazor, con 1.259.852 euros, que se suman aos 442.777 euros reservados en exercicios anteriores; e a construción de tres pistas polideportivas nos barrios da Coruña (en concreto, Mesoiro, Agra del Orzán e Santa Margarida), con 195.000 euros.
A todas estas obras en recintos moi utilizados polos coruñeses engádense os dous campos de fútbol que constrúe a Federación Galega de Fútbol en San Pedro de Visma e que estarán a disposición do Concello durante 11 meses ao ano.
Coas contas municipais de 2015, o actual equipo de goberno pecha este mandato cun presuposto moi superior nestes catro anos para torneos e para investimento en instalacións deportivas con respecto á etapa do bipartito. Así, o diñeiro destinado a torneos deportivos alcanza os 2,9 millóns de euros, un 73% máis que entre 2008-2011, case un millón de euros de incremento; mentres que en obras de mellora en instalacións se superan os 4 millóns neste mandato, catro veces máis que na anterior etapa de goberno.
Dentro dese espírito de colaboración que xa existe en Educación, a área de Deportes tamén mantén a súa aposta polos convenios con entidades da cidade que comparten a filosofía deste equipo de goberno de ofrecer os coruñeses, e en especial aos mozos, oportunidades para a práctica da actividade deportiva. Así, o presuposto para convenios deportivos se eleva ata os 567.434 euros, un 10% máis que este ano. A este investimento tamén hai que engadir 120.000 euros máis correspondentes ao capítulo de transferencias, polo que a contía final chega aos 687.434 euros.

XUVENTUDE
O Concello repetirá en 2015 unha práctica que tanto éxito tivo durante este mandato, como é a organización conxunta entre Educación, Xuventude e Deportes de programas. Así, a área de Xuventude dispoñerá de preto de 500.000 euros para actividades e proxectos vinculados á promoción xuvenil e para a xestión de instalacións de referencia na cidade como o Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX). Só en programas de promoción de xuventude, este equipo de goberno presupostou un 27,5% máis neste mandato con respecto á etapa do bipartito.