A praza da Constitución acolle as casetas ata o domingo, nunha cita apoiada pola Xunta de Galicia, e que terá continuidade en Santiago, Ribeira, Rianxo e A Coruña
A praza da Constitución de Ferrol acolle a primeira das Feiras do Libro de Galicia na provincia da Coruña, que organiza a Federación de Libreiros en 16 localidades galegas entre os meses de abril e de agosto. Ata o vindeiro día 23, o cantón de Molíns será o escaparate das últimas novidades editoriais, xunto con actividades de dinamización á lectura e de difusión da sector do libro.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, sinalou que “o libro non só e un vehículo de promoción de valores e coñecementos, se non tamén fonte de ingresos e obra de creadores protexidos polos dereitos de autor”. Rodeiro engadiu que “nun país cunha lingua propia que temos o deber de protexer, a industria do libro cobra especial importancia coma mediadora na difusión da nosa cultura, polo que unha editorial ou unha libraría produce para a nosa sociedade moito máis do que demostra a súa conta de resultados”. Tamén alentou “a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a inmaterial contribución dos creadores ao noso progreso social e cultural”.
A Feira do Libro de Ferrol arrincou cun pregón a cargo do escritor local Antonio Yáñez, gañador, entre outros, dos premios Raíña Lupa (2006) e Meiga Mora (2006), ambos os dous de literatura infantil e xuvenil, o Frei Martín Sarmiento (2012) ou o Pura e Dora Vázquez de Narración (2017). A Feira tamén contará con actividades de dinamización cultural, de animación á lectura e diversas presentacións das novidades editoriais.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, promove, en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia as Feiras do Libro de Galicia 2017, que continuarán en Santiago de Compostela do 29 de abril ao 7 de maio; en Ribeira, do 22 ao 25 de xuño; en Rianxo, do 20 ao 23 de xullo e na cidade da Coruña, do 1 ao 10 de agosto.
O lema escollido este ano para todas as Feiras é “A ledicia de ler” e serve como homenaxe ao protagonista do Día das Letras Galegas, Carlos Casares, quen publicou dende 1975 unha sección xornalística onde trataba temas literarios e lingüísticos, ademais de dar conta das novidades editoriais da época.