O prazo de anotación estará aberto ata o 9 de maio
O Concello de Oroso vén de abrir o prazo de inscrición no seu tradicional campionato de pesca, que este ano chega á súa vixésimoprimeira edición. Un campionato que se desenvolverá o sábado 13 de maio no coto do río Tambre baixo as normas da Federación Galega de Pesca, o que suporá que se fará baixo a modalidade de pesca sen morte.
No caso do Campionato de Pesca Infantil, a competición desputarase o domingo 14 de maio, ás 9:30 horas, no paseo do río Carboeiro. O prazo de inscrición para séniors e infantís estará aberto ata o vindeiro 9 de maio nas oficinas do Centro Deportivo de Sigüeiro, no 981 92 79 01 ou no mail deportes@concellooroso.com.
Bases
As bases do XXI Campionato de Pesca Concello de Oroso especifican que o pescador só poderá ter unha cana en acción de pesca e que, para a extracción da captura para a súa posterior presentación ao control, deberá facer uso dunha sacadeira ou trueiro para logo devolver a peza ao río. Só serán válidas as pezas de 17 ou máis centímetros de lonxitude, medidas dende o extremo da boca ata a punta da cola.
Só se permitirán os cebos artificiais: culleriñas (xiratorias ou ondulantes simples en calquera das súas variantes, cun só anzol pero sen plumas, pelos, la, etc), moscas, rapalas… En todos os casos, os anzois deberán estar desprovistos do arponciño ou semellante.
Os pescadores concentraranse ás 8:00 horas do sábado 13 de maio no restaurante Lar Blanco (fronte ao cruce de Porto Avieira), para recoller a documentación. A primeira manga terá lugar entre as 9:00 e 13:30 horas, con cambio de pescador e control ás 11:00 horas. Tras o xantar comezará a segunda manga, tamén con cambio de pescador, entre as 16:00 e 18:30 horas, de xeito que cada competidor terá un tempo de pesca de 4 horas. A competición rematará ás 20.30 horas e a entrega de trofeos terá lugar o domingo día 14, ás 13:30 horas, xusto despois do pregón da XXI Festa da Troita.