O alcalde, Roberto Rey, agradeceu a colaboración da conselleira Ángeles Vázquez e solicitoulle o arranxo da ponte de Augasantas
A Consellería do Medio Rural investiu preto de 120.000 euros en diversas obras de mellora e acondicionamento de tres pontes danadas polas riadas no concello de Frades. A titular do departamento, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o xefe territorial de Medio Rural na Coruña, Manuel Rodríguez Vázquez, supervisou hoxe estas actuacións canda o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra.
As obras enmárcanse no Plan de emerxencias para a mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais de 2016, que permitiu actuar en 12 concellos da Coruña, cun investimento total de 654.027,54 euros en toda a provincia. No conxunto de Galicia o orzamento do plan superou os 2,8 millóns de euros.
Os fondos aportados pola Xunta serviron para pavimentar, afirmar e mellorar diferentes infraestruturas danadas por riadas e outros factores climatolóxicos adversos. Entre eles, no municipio de Frades actuouse en tres puntos. Tratouse dunha ponte en Xeza (Mesós) e un pontón na pista de Reboredo – Os Carballos, así como noutra ponte no lugar de Raselo.
Actuacións
O alcalde de Frades, Roberto Rey, agradeceu a colaboración ofrecida por Medio Rural “pois sen ela non poderíamos ter asumido o arranxo destas tres pontes. Frades é un municipio con moitos quilómetros de estradas municipais, pois temos todo concentrado, e non tiñamos recursos para poder afrontar en solitario este arranxo. Pedimos tamén axuda na Deputación e aínda estamos esperando que nos digan algo, polo que agradecemos a colaboración que nos ofreceu Medio Rural”. Así mesmo, aproveitou para presentarlle á conselleira outro proxecto de arranxo da ponte de Augasantas, parroquia de Céltigos. “Trátase dunha ponte con tubo de latón sobre o río Maruzo e de acceso á localidade de Augasantas, que quedou moi deteriorado polas últimas riadas”, explicou Rey Martínez.
No caso da ponte en Xeza (Mesos) demoleuse o que quedaba da antiga ponte, que foi substituída por unha nova de 8 metros de ancho con formigón armado mediante cimbra. No caso do pontón de Reboredo, sobre o Rego de Marís, actuouse para substituír a obra de drenaxe por un marco de formigón prefabricado de 10 metros de lonxitude con muros graníticos. E, por último, no caso da ponte de Raselo (Gafoi), houbo que derrubar a antiga ponte e instalar unha nova mediante caixóns prefabricados de formigón pretensado para reducir así a súa afección sobre o río Maruzo, cun ancho de 6 metros.
Nesta visita, a conselleira do Medio Rural destacou a importancia de manter en bo estado as infraestruturas municipais de conexión dentro dos concellos, para atender así as necesidades dos veciños, e resaltou neste sentido o esforzo da Xunta, en colaboración coa administración local. Na provincia da Coruña os concellos beneficiarios deste plan de emerxencias en 2016 foron, ademais de Frades, os de Aranga, Cabanas, Carral, Coirós, Irixoa, Lousame, Melide, Noia, Sobrado, Tordoia e Vilarmaior.