A directora xeral de Patrimonio Natural sinala que as cifras rexistradas na Semana Santa avalan a folla de ruta establecida polo Goberno galego, coa posta en marcha do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, adiantou esta mañá que case 70.000 persoas decidiron achegarse a un espazo natural protexido durante a Semana Santa. Así o puxo de manifesto durente a rolda de prensa sobre a afluencia de visitas durante a Semana Santa aos parques naturais de Galicia e ao Monumento Natural da Praia das Catedrais.
Ana María Díaz salientou que o número de visitantes incrementouse nun 42 por cento máis, que respecto de 2016, ao pasar de 48.183 visitantes na Semana Santa de 2016 a 68.747 en 2017 e detallou que 25.824 persoas se achegaron aos seis parques naturais, 18.440 visitaron unha das catro illas do Parque Natural marítimo Terrestre e 24.483 accederon ao Monumento Natural da Praia das Catedrais.
Díaz López indicou que as cifras recollidas durante este período vacional avalan a folla de ruta establecida pola actual Xunta ao poñer en marcha o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que identifica un total de 17 espazos imán, que son enclaves cun alto valor patrimonial e que -por ser uns espazos naturais moi coñecidos e recoñecidos polos galegos e polas persoas que visitan Galicia- propician un crecemento económico inclusivo e sostible; o emprego e o uso eficiente dos recursos, a protección ambiental e a divulgación de valores culturais e naturais.
A idea é aproveitar o recoñecemento e popularidade destes espazos para convertelos en elementos de atracción de visitantes cara outros enclaves, creando sinerxias entre os diferentes espazos, polo que nun radio de 30 e de 50 quilómetros, cóbrese a gran maioría do territorio de Galicia.
Ana María Díaz destacou que hoxe “ninguén dubida” de que Galicia está na axenda turística de España e do mundo, e en boa medida grazas aos espazos naturais protexidos; polo que a Xunta manterá esta folla de ruta para dar a máxima difusión a esta riqueza sen perder un ápice dos valores que o clasifican como patrimonio natural.
Parques Naturais
A directora xeral recordou que a Comunidade galega conta con seis parques naturais, que ao longo da Semana Santa foron visitados por 25.824 persoas, o que se traduce nun incremento dun 24% respecto do mesmo período do ano anterior. Ana María Díaz destacou o incremento porcentual do parque do Invernadeiro, de case un 60%, ao pasar de 163 visitantes a 259.
Tamén é salientable o incremento que rexistraron o parque das Fragas do Eume, con 3.635 persoas máis ao pasar de 13.080 a 16.715, e de Corrubedo, que rexistrou 4.395 visitas fronte ás 3.325 en 2016, o que implica un aumento de 1.070 persoas. Asemade, os parques Monte Aloia e Xurés pasaron a barreira dos 2.000 visitantes nesta Semana Santa, o que representa un incrmento dun 11% e 17%, respectivamente.
Ana María Díaz indicou que -analizando os datos no conxunto do ano- é importante o incremento que se rexistrou neste período vacional, xa que sete de cada 10 visitantes que pasaron ao longo de 2017 por un dos parques naturais, escolleron a Semana Santa para organizar a súa visita.
A directora xeral tamén puxo en valor os datos sobre a entrega de exemplares do Pasaporte natural, a Compostela dos parques, que foi presentada ao inicio da Semana Santa e da xa se repartiron case 350. “Un número significativo, tendo en conta que é unha iniciativa que se vén de poñer en marcha e que o reparto se fixo por primeira vez esta Semana Santa”, detallou Ana María Díaz.
Illas atlánticas
Durante a Semana Santa, un total de 18.440 persoas visitaron unha das catro illas que conforman o Parque Natural Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Á vista dos datos, Cíes segue a ser o destino preferente, tal e como demostra o incremento de máis de 7.000 visitantes, con respecto á Semana Santa de 2016; pero tanto Ons como Cortegada rexistraron un incremento que superou o 200%. No conxunto, as catro illas rexistran un aumento de 10.160 visitantes, é dicir, un 123% máis que no ano anterior.
A continuación detállanse as cifras rexistradas en cada unhas da illas e a súa comparativa con respecto ao ano anterior.
Illa 2016 2017 Incremento
pax Porcentaxe
Cíes 6579 13865 7286 110%
Ons 1246 3825 2579 206%
Sálvora 333 325 -8 -2%
Cortegada 122 425 303 248%
TOTAIS 8280 18440 10160 123%
Tres xornadas completas nas Catedrais
A directora xeral tamén ofreceu datos de visitas ao Monumento Natural das Catedrais, que nesta Semana Santa agotou a reserva de visitas por web en tres xornadas, Xoves e Venres Santo e o sábado 15 de abril.
Dende o 7 de abril ata o 17, período no que era necesario contar cunha reserva para acceder a este monumento natural, concedéronse un total de 24.483 permisos, fronte aos 19.020 que se concederon na Semana Santa de 2016, é dicir un 28,72% máis.
A directora indicou que un síntoma de que cada vez máis xente ten interese en coñecer esta espazo natural é o feito de que das 10 xornadas nas que era necesario esta solicitude, 8 superaron a barreiro das 1.000 solicitudes. En relación coa procedencia, a directora aclarou que un 74% dos visitantes proviñan de fóra da Comunidade autónoma galega, dos cales un 22% procedían de Comunidade de Madrid, seguida pola do País Vasco e de Cataluña.
Asemade, adiantou que a Xunta de Galicia habilitará un operativo especial para facilitar a visita ao Monumento Natural da Praia das Catedrais durante a ponte do 1 de maio. Contarase con persoal para ordenar o tráfico, para faciliar o acceso ao areal e aclara que non será necesario expedir reserva para baixar á praia, e tamén haberá técnicos para facilitar información aos visitantes.