Haberá dous puntos de recollida: o CPI Ponte Carreira e a Casa do Concello. Terá lugar entre o 18 de novembro e o 18 de decembro
O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, organiza unha recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. Os veciños e veciñas que desexen colaborar na campaña poderán deixar as súas achegas ben no CPI Ponte Carreira ben na Casa do Concello entre o 18 de novembro e o 18 de decembro.
Esta será a primeira campaña de recollida solidaria de alimentos que organiza directamente o Concello de Frades. “A campaña está aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Frades, individualmente ou como grupo, baixo a premisa de que o que poida colaborar o faga na medida en que poida para axudar ás familias máis necesitadas do municipio. Toda axuda é benvida”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen agradece por adiantado a colaboración dos veciños e veciñas do municipio, así como do CPI Ponte Carreira e Cáritas.
A campaña está dirixida a recoller alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas… que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados. Ademais, e dado as datas nas que nos atopamos, tamén se recollerán produtos de Nadal non perecedoiros. O Concello de Frades fai un chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) para resolver calquera dúbida.