35 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da cuarta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. O comité de selección, conformado por seis persoas de diferentes ámbitos do sector audiovisual e da rede elixiu, entre máis de 146 propostas chegadas de todo o mundo, un total de 5 webseries galegas, 12 do resto do Estado e 18 do resto do mundo. Entre as internacionais hai webseries de Alemaña, Australia, Arxentina, Canadá, Chile, Estados Unidos, Israel, Nova Zelandia, Reino Unido e Ucraína. 30 delas competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real e 5 ao de animación, 18 ao premio á mellor webserie internacional e 5 á de versión orixinal en galego. Unha delas é Teño unha horta en San Sadurniño, protagonizada por Crucita de Piñón, Lucita de Ernesto, Maruxa da Laxe, Carmiña dos Pantís e Maruja da Curuxa… con axuda da responsable da Aula CeMIT, Carmen Suárez.
O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o humor terá unha presenza abafadora (25 das 35 webseries finalistas son comedias), pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, horror, aventura, sátira política… Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.
As 35 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -un de versión orixinal en galego, tres internacionais e dous do Estado- nas tardes do xoves 4, do venres 5 e do sábado 6, no Auditorio de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Dentro da sección internacional proxectaranse as pezas Tube Heads, Midnight Miracle, AFK, Camila no tiene un plan, Boy Scauts, You’re the next, Dang It To Heck!, Amy Street, Discocalypse, Si me volviera a enamorar, 5baksiv.net, Piscóticas inseguras, Waiting on Sound, Convos with my 2 years old, Behind The Blinds AKA Filmmaking 101, Psicosomática, Depto e The Dump / La Dump.
No apartado estatal pasaranse El show de Teresa Cuesta, Beto, Caniville, Cómo dejar los porros, Carlinos. La webserie, Judge Dredd: Superfiend. A todo riesgo, Lara Love, Pésame Street, Briget Jon de Triana, Te Quiero, yo tampoco e El Partido 2.
Por último, na sección Galicia VO poderemos ver Galicia Crime, Antolepsia, Dalle Jas! (2T), As aventuras de Po e, a nosa, Teño unha horta en San Sadurniño, que participa na competición oficial por segundo ano. O proxecto impulsado pola Aula CeMIT naceu como unha iniciativa a medio camiño entre a alfabetización e a inclusión dixital a través da creación audiovisual. Porén, Teño unha horta… tamén tiña como obxectivo preservar labores agrogandeiros que se están perdendo. A idea foi evolucionando co tempo e hoxe é un canal con ducias de vídeos a xeito de pequenos tutoriais que non se limitan unicamente á tradición agícola, senón que tamén reflicten a experimentación das súas protagonistas no cultivo de novos produtos.
A canle conta con case 700 suscricións e milleiros de reproducións dos vídeos gravados por Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce, Carmen Bouza e Consuelo Picos. Un deles, o da “Marihuana na horta” -en realidade eran cánabos que viñan no alpiste dun loro- converteuse en viral hai algún tempo ao colleita máis de 190.000 visualizacións en youtube e captando a atención de numerosos medios de comunicación.