Saturday 16 de November de 2024

Fene participa na campaña “Libros para sermos libres”, promovida pola Deputación e 30 concellos da provincia


A CONCELLERÍA DE CULTURA INSTALARÁ ESTE SÁBADO UN POSTO NA PRAZA VERDE E OUTRO NA BIBLIOTECA MUNICIPAL PARA O AGASALLO DE LIBROS

Visibilizar o libro e promover a lectura entre a poboación, son os principais obxectivos da campaña “Libros para sermos libres” que a Deputación da Coruña e 30 concellos da provincia poñen en marcha este sábado, 22 de abril, víspera do Día Internacional do Libro. Na práctica, a iniciativa consiste en agasallar, de xeito simultáneo, á veciñanza de cada un dos concellos participantes cun fondo de 150 libros que achega a Deputación da Coruña. Fondo que, no caso do Concello de Fene, a concellería de Cultura completa con outros 150 libros procedentes do seu depósito bibliográfico.

O agasallo dos libros terá lugar o vindeiro sábado, 22 de abril, de 12:00 a 13:00 h en dous puntos: a Praza Verde de Perlío (se chove, no local da A.VV de Perlío), onde ser repartirán en torno a 250 títulos, e na Biblioteca Municipal “Xosé María Pérez Parallé”, onde se repartirán ao redor de 80 exemplares.
A campaña “Libros para sermos libres” nace, segundo explican dende o organismo provincial, con vocación de continuidade e co obxectivo de implicar nos vindeiros anos á totalidade dos concellos da provincia. Neste primeiro ano, a área de Cultura da Deputación reparte ao redor de 5.000 libros entre os 30 concellos participantes.
Os libros cos que se agasallará á veciñanza destes municipios proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia como as obras gañadoras dos premios Torrente Ballester, Rafael Dieste, Murguía, Castelao ou González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Tamén se atopan entre a selección de títulos, clásicos como “Cousas” de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.
No caso de Fene, amais dos libros que aporta a Deputación, o Concello repartirá tamén o sábado ao redor de 150 libros procedentes do seu depósito bibliográfico entre os que se atopan obras de recuperación da memoria histórica e fotobiografías (O cine na comarca de Ferrol: as súas xentes e os seus recursos, de Luis Calvo Teijo, Aurora Vázquez Aneiros e María Xesús Arias Rei; Retallos da memoria, de Enrique Barrera Beitía e Bruno González Mauriz; Obras civiles: berros de rebeldía e pedra na Bazán, de Enrique Barrera Beitía; María Mariño: vida e obra, de Carme Blanco; As imaxes de Castelao. Fotobiografía, de VV.AA, etc), libros de poesía vencellados aos Premios Pérez Parallé e Illas Sisargas (A estación única dunha illa, de Ramón Neto; Ortigas, de Xiana Arias Rego; Memorial e danza, de Francisco Cortegoso; Tanxerina, de Mario Regueira; etc.), obras de literaturas infantil e xuvenil (Contos de máscaras, rúas, perdicións e caníbales, de Paco Martín, Xabier P. Docampo, Marilar Alexandre e Agustín Fernández Paz; Contos de charlatáns, grumetes, botas e fendas, de Fina Casalderrey, Xosé A. Neira Cruz, María Victoria Moreno e Helena Villar Janeiro; Contos de cabuxas, ratos, libros e mesas, de Gloria Sánchez, Antonio García Teijeiro, Ana María Fernández e Paula Carballeira) e outros como as Carpetas do 30 aniversario do Museo do Humor de Fene. Todos os libros irán identificados coa imaxe da campaña.
Os concellos que participan nesta primeira fase de “Libros para sermos libres” son -amais de Fene- A Pobra, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boqueixón, Camariñas, Cambre, Cariño, Cerceda, Coirós, Corcubión, Curtis, Laxe, Mazaricos, Monfero, Mugardos, Muros, Negreira, Padrón Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, Sada, Santa Comba, Santiso, Sobrado e Vimianzo.