Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso organiza a “Troi cup”, o primeiro torneo internacional de fútbol alevín e que será apadriñado por Iago Aspas


Participarán 12 equipos galegos (Xuventude Oroso, Deportivo, Celta, Compostela, Lugo e Luís Calvo Sanz), portugueses (Benfica, Coimbra e Góis) e do resto de España (Valladolid e Puente Genil)

O Concello de Oroso organiza o próximo 1 de maio a primeira edición da “Troi Cup”, o primeiro torneo internacional de fútbol alevín de fútbol 7. Un torneo apadriñado por Iago Aspas, dianteiro do Real Club Celta de Vigo, e que reunirá no campo municipal Lino Balado de Sigüeiro a unha selección de doce equipos españois e portugueses.

Os equipos participantes son, por parte española, o R. C. Deportivo da Coruña, o R. C. Celta de Vigo, o Club Deportivo Lugo, a S.D. Compostela, a E.F. Luís Calvo Sanz (Carballo), o Real Valladolid C.F., Puente Genil F.C. (Andalucía) e dous equipos locais das Escolas Deportivas Xuventude Oroso A e B. Por parte portuguesa participarán a S.L. Benfica, o Académica de Coimbra e o Vila de Góis.

Na mañá do luns 1 de maio, os equipos xogarán unha fase de grupos divididos en catro grupos de 3 equipos. Os mellor clasificados disputarán esa mesma tarde a Fase Final, mentres que o resto xogará a Fase de Consolación polo sistema de eliminatoria.

Arousa Fútbol 7

Por outra banda, o Concello de Oroso felicita aos rapaces do Xuventude Oroso que, un ano máis, realizaron a proeza de clasificárense para a fase final da Arousa Fútbol 7, na que se enfrontarán a equipos coma o Atlético de Madrid, París Saint Germain, R.C. Deportivo da Coruña e R.C. Celta de Vigo. Os xogadores alevíns orosáns foron os auténticos dominadores da Fase Previa do Torneo, desputada durante a pasada Semana Santa.

De feito, o Xuventude Oroso foi o equipo que mellores números acadou dos 80 equipos participantes na fase de grupos: catro partidos xogados, catro victorias, 27 goles a favor e 0 goles en contra. Na fase final derrotaron ás Escolas Deportivas Luís Calvo Sanz (Carballo) por 2 a 0, aos portugueses do Fiaes S.C. por 3 a 0 e na gran final ao Coruxo C.F., único equipo capaz de perforar a meta orosá, por un contundente 5 a 1. Así mesmo, o Xuventude Oroso colocou a dous xogadores no equipo ideal do torneo: José Balsa, mediocentro que foi escollido como mellor xogador do torneo, e Jairo López, máximo goleador da fase previa.