Friday 22 de November de 2024

O Auditorio de Riveira acollerá este venres a proxección da curtametraxe “Vida” sobre o mundo das persoas con discapacidade


Dirixido por Rubén Riós, seguiralle o documental “Máis ca Vida”

O Auditorio Municipal de Riveira vai dar cabida este venres 21 de abril a partir das 21 horas á proxección de dúas obras audiovisuais que, promovidas e dirixidas por Rubén Riós, afondarán no mundo das persoas con discapacidade.

Por unha parte, será proxectada a curtametraxe “Vida”, unha mestura de arte, entretemento e comunicación que entrelazadas a un reparto artístico de primeira categoría como os recoñecidos actores Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luis Iglesia entre outros, trasladarán ao espectador dunha maneira lúdica e enteiramente positiva e realista, as diferenzas sociais existentes invitando ao público á reflexión.

Sinopse Vida
Entre finais dos anos 60 e principios do ano 2000, entre o Ourense rural e o Ourense urbano, transcorren as vidas de dúas familias unidas polo destino. Nunha pequena aldea, unha familia humilde prepárase para un gran acontecemento familiar. O destino, as casualidades, as forzas fan dese momento tan esperado un verdadeiro calvario para uns e unha proba de vida para outros. Nun piso, no centro da cidade, a tranquilidade dunha nai vese truncada polo desexo dunha das súas fillas de querer voar soa. Pablo (38 anos) é un rapaz con discapacidade que actualmente traballa nos servizos de limpeza da cidade, empeza a valorar a posibilidade de emprender un soño en solitario. Elena (32 anos) é unha moza con discapacidade que se enfronta a unha proba vital para tomar unha das decisións máis importantes da súa vida, na que entran en xogo vida, morte, paixón, egoísmo, medos e perdón. Pablo atoparase cun pasado cheo de ausencias e rancores que o prepararán para un futuro de perdóns e ilusións.

E a continuación, “Máis ca Vida”, un documental que recolle os testemuños reais do día a día do mundo que rodea a estas persoas. O documental plasma en imaxes os momentos de ensaios aos que tiveron que enfrontarse de cara á rodaxe en ligazón aos seus medos, alegrías, interrogantes, dificultades, fatigas… aos seus sentimentos. O documental contribúe a plasmar en papel todo aquilo que dunha maneira indirecta axuda á creación das tramas do guión de “Vida”, unha obra de ficción creada por e para eles.

Estes dous proxectos estreitamente ligados ofrecen un formato pioneiro que transportará ao público a un mundo de emocións no que poderá descubrir que a ficción e a realidade destas dúas obras van collidas pola man. A sesión rematará cunha charla e rolda de preguntas abertas por parte dos asistentes.

Banco promocional
A promoción desta iniciativa estase a server dende o día de hoxe dunha orixinal acción consistente na instalación dun banco tuneado para a ocasión na fronte do Consistorio Municipal.