O Concello de Riveira co ánimo de incidir na protección das persoas e bens fronte aos incendios forestais, obxecto prioritario e fundamental da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, fai saber:
1. Que a mencionada Lei, no ámbito municipal, establece unhas condicións de prevención específicas para as denominadas “redes secundarias de faixas de xestión de biomasa”, cuxa función prioritaria é a protección dos núcleos poboacionais, as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais. (Artigo 20.4 da Lei.)
2. Que nas “redes secundarias de faixas de xestión de biomasa” é obrigatorio para as persoas responsables xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de acordo cos criterios para a xestión de biomasa estipulados na Lei e na súa normativa de desenvolvemento. Ademais, nos primeiros 30 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira da Lei. As distancias mediranse desde o límite do solo urbano ou núcleo rural, no seu caso. As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións mediranse desde o paramento das mesmas. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, mediranse desde o límite das instalacións. (Artigo 21.1 da Lei.)
3. Nos terreos situados en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, aplicaranse subsidiariamente os mesmos criterios establecidos no parágrafo anterior, salvo aprobación específica de ordenanza municipal ou en defecto da mesma.
4. No caso de cámpings, gasoliñeiras e industrias nas que se desenvolvan actividades perigosas, as distancias para as especies sinaladas na disposición adicional terceira serán de 50 metros, desde o límite das instalacións. No caso dos cámpings, esta distancia medirase desde o peche perimetral.
5. Traballos a realizar polos titulares/responsables dos terreos:
FRANXA TRABALLOS DE XESTIÓN
De 0 a 10 m. (*) Eliminación de todo tipo de vexetación herbácea, arbustiva e arbórea.
De 0 a 30 m. (*) Estrato arbustivo e herbáceo:
– Eliminación total da vexetación seca (vexetación arbustiva e herbácea seca) e eliminación total da vexetación arbustiva e herbácea existente na parcela (ata 20 cm.).
Estrato arbóreo:
– Corta das árbores de especies non permitidas na franxa dos 30 m. dende a edificación (piñeiros, eucaliptos…).
– En todo caso poderán conservarse outras especies arbóreas (carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros, sobreiras…) nas condicións que sinala a normativa (masas mixtas e distanciadas 7 m. entre elas, árbores de 0-11,4 m. poda ata 1/3 da altura, árbores >11,4 m. poda mínimo 4 m.).
De 30 a 50 m. (*) Estrato arbustivo e herbáceo:
– Eliminación total da vexetación seca (restos de poda, vexetación arbustiva e herbácea seca) e eliminación total da vexetación arbustiva e herbácea existente na parcela (ata 20 cm.).
Estrato arbóreo:
– Poderán conservarse as árbores de calquera especie nas condicións que sinala a normativa (formando masas mixtas e distanciadas 7 m. entre elas, árbores de 0-11,4 m. poda ata 1/3 da altura, árbores >11,4 m. poda mínimo 4 m.).
(*) Perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións…
6. O incumprimento da obriga de xestionar a biomasa con arranxo ao previsto na Lei supón unha infracción administrativa, podendo incoarse o correspondente procedemento sancionador. (Artigo 50.2.1 da Lei.) Multa: de 100 a 1.000 € (artigo 74 Lei 43/2003, do 21 de novembro, de Montes).
7. Outras condicións: o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia establece as distancias mínimas que deben respectar as repoboacións forestais: “(…) d) Desde o límite do dominio público das vías (autopistas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou ferrocarril: 4 m. cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1, e 10 m. no resto de especies / e) Con pistas forestais principais: 2 m. cando se empreguen as especies frondosas do anexo 1; no resto de especies, 4 m. en xeral, e 6 m. nos concellos declarados como zona de alto risco (…)”