Saturday 16 de November de 2024

Oroso fará este sábado un showcooking para promover a Festa da Troita nunha feira en Betanzos cos 18 concellos do Camiño Inglés


“Primavera no Camiño Inglés” chegará a Oroso o venres 28 de abril, ás 20:00 horas, en forma de conferencia de Cristóbal Ramírez, xornalista divulgador desta ruta Xacobea

O Concello de Oroso participará este sábado 22 de abril na feira organizada pola Deputación da Coruña en Betanzos e que reunirá, por primeira vez, aos dezaoito concellos coruñeses polos que pasa o Camiño Inglés. Un evento que se enmarca na campaña “Primavera no Camiño Inglés”, que chegará a Oroso o venres 28 de abril e coa que a Deputación da Coruña pretende divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

“O obxectivo é unir as forzas da Deputación e dos concellos para aproveitar o enorme potencial turístico e económico deste singular camiño xacobeo, o único que discorre integramente pola provincia da Coruña”, explica o presidente provincial, Valentín González Formoso, que ás 11:45 horas do sábado será o encargado da inauguración do evento na praza Irmáns Garcías Naveira. Estará acompañado polo deputado de Turismo, Xosé Regueira, o alcalde de Betanzos, Ramón García, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e outros rexedores dos municipios polos que pasa o Camiño Inglés.

Unha gran senda verde atravesará o centro da praza García Naveira, indicando a zona pola que discorre o Camiño cara a Santiago. Nos seus laterais, dúas carpas de máis de 160 metros cadrados acollerán os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con distintas actividades.

Gastronomía, música e danza

Na carpa central, desenvolveranse ao longo da xornada sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña. No caso de Oroso, retomarase o showcooking que tan bos resultados acadou o pasado mes de febreiro na 18ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar. Haberá dúas degustacións de troitas: ás 12:00 horas e ás 18:15 horas. “O noso obxectivo nesta feira é seguir promovendo Oroso e o Camiño, ao tempo que damos a coñecer a Festa da Troita, que terá lugar do 12 ao 14 de maio”, explica Manuel Mirás, quen se amosa convencido de que “todos os que se pasen por Betanzos poderán comprobar o certo que é iso de que troita coma en Sigüeiro non a fan no mundo enteiro”.

As troitas de Oroso compartirán carpa con outros produtos como a tortilla de Betanzos, o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico cos sabores máis característicos do Camiño Inglés.

O evento contará tamén con actuacións de música e danza tradicional a cargo das agrupacións “Airiños” de Fene, “O Castro” de Miño, “Lucero del Alba” de Neda, “Ancoradoira” de Culleredo, “Arnela” de Carral e “Airiños do Frade” de Cabanas, entre outras; así como demostracións de artesanía en vivo como as que desenvolverán as fiandeiras de Cabanas ou os ourives de Santiago de Compostela.

Conferencia en Oroso

Dentro da aposta estratéxica da Deputación da Coruña polo Camiño Inglés tamén se inclúe o ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia da ruta e os seus múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e arquitectónicos, a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e experto en divulgación das rutas xacobeas.

Tras recalar en Narón, Fene, Cambre e Abegondo, o vindeiro xoves 20 de abril, ás 20 horas, o Salón Azul do Liceo de Betanzos acollerá esta conferencia, que posteriormente tamén terá lugar en Carral, Oroso e Pontedeume. En Oroso, a charla terá lugar no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro o venres 28 de abril, ás 20:00 horas. Entrada libre e de balde.

Para impulsar a afluencia de visitantes aos 18 concellos, a Deputación tamén vén de editar novo material de promoción, que inclúe folletos informativos de cada unha das etapas, nos que se describen algúns dos lugares de interese que os peregrinos atoparán durante a viaxe: bosques frondosos, praias de augas cristalinas, antigos faros e cruceiros e camiños rurais cheos de historia.