O alcalde deu conta este luns do inicio da licitación do Servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de centros cívicos do Concello de Santiago, aprobado nunha Xunta de Goberno celebrada o pasado mércores. Martiño Noriega explicou o obxectivo do procedemento é “comezar a ordenar a rede de centros socioculturais e marcar as diferenzas entre os traballadores do Concello e os empregados da empresa concesionaria, para evitar novas sentenzas por cesión ilegal de traballadores”.
O rexedor explicou que o prego, que se poderá consultar na web municipal no apartado do perfil do contratante, contempla un tipo de licitación de 945.291,27 euros/ano, máis IVE de 198.511,17 euros/ano. A adxudicación farase por un prazo de dous anos, prorrogables a outros dous.
División de funcións
Entre as novidades deste prego con respecto ao aprobado en 2012, Martiño Noriega salientou que “especifica cales son as funcións reservadas a empregados públicos na rede de centros cívicos do Concello, e cales son as funcións do persoal da empresa adxudicataria do servizo”. Nese sentido, incidiu en que, ata o de agora, “nin sequera había un funcionario responsable do contrato, o que nos obrigou previamente a aprobar unha modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello, que vén de entrar en vigor” e na se crea unha xefatura de servizo que asumirá esta responsabilidade.
No prego sinálase que “a adxudicataria respectará a separación e distinción preceptiva entre o seu propio cadro de persoal adscrito ao servizo de dinamización e mediación sociocultural e os empregados públicos municipais que traballan na Rede”. Tamén se especifica que “a dirección global do servizo de dinamización e mediación correspóndelle ao Concello e a dirección interna da adxudicataria e as relacións desta co Concello só poderán ser desempeñadas pola persoa que ocupe o posto de coordinador/a xeral. Quedan expresamente fóra das tarefas do persoal da adxudicataria as que son competencia exclusiva do persoal municipal e que a lei reserva a empregados públicos”. O obxectivo último, reiterou o alcalde, é evitar novas sentenzas por cesión ilegal de traballadores “que obriguen a incorporar ao cadro de persoal do Concello a empregados da concesionaria”.
O prego sinala que a adxudicataria do servizo deberá subrogar aos 51 empregados da actual concesionaria. No anterior prego de 2012 incluíase a obriga de subrogar a tan só 15 dos traballadores, dos que varios xa tiñan gañada a sentenza por cesión ilegal.
Outra novidade importante do prego é que se especifica que calquera cambio nos postos de traballo ocupados polo persoal da adxudicataria deberá ser comunicado ao Concello, que tamén deberá autorizar calquera modificación que afecte á natureza deses postos de traballo, en particular no que ten que ver coa categoría laboral, a titulación esixida, a xornada laboral ou as responsabilidades e funcións.
Supostas irregularidades
O alcalde explicou que a aprobación do novo prego do servizo de centros socioculturais se demorou porque “estamos a falar dun servizo no que os informes xurídicos detectaron numerosas irregularidades”. Nese sentido, Martiño Noriega explicou que, “aínda que as primeiras sentenzas por cesión ilegal de traballadores son do ano 2009, repetiuse o modelo dos pregos no novo concurso de 2012”. Para o rexedor, “é difícil de entender que non se entrara a analizar as causas da cesión ilegal de traballadores e que no ano 2014, mentres seguían chegando sentenzas, se prorrogara o contrato sen ningún cambio”. Tamén lle sorprende que na licitación de 2012, a empresa incluíra na lista de persoal a subrogar a varias persoas traballadoras que xa tiñan gañada a sentenza para pasar a formar parte do cadro de persoal municipal. A maiores, o alcalde advertiu que “o Concello non chegou a poñer en marcha o procedemento para regularizar a situación deste persoal, como tería que ter feito nun prazo de tres anos, para evitar a entrada de novos empregados públicos pola porta de atrás”.
Por todo isto, o alcalde deu orde hoxe de derivar á Fiscalía o informe elaborado pola Asesoría Xurídica municipal, no que se refire á existencia de posibles responsabilidades no ámbito interno do Concello na execución do contrato do servizo de dinamización de centros socioculturais.
Ao mesmo tempo, Martiño Noriega ordenou a apertura dunha información reservada co obxectivo de identificar a persoa ou persoas dentro da esfera interna do Concello que puideran ser responsables das posibles irregularidades na xestión do contrato do servizo de centros socioculturais, que derivaron nas sentenzas por cesión ilegal de traballadores.
Custos das sentenzas
Por último, o alcalde explicou que as sentenzas por cesión ilegal de traballadores sinalaban que o pago das retribucións salariais e de contas e recargos sociais aos empregados afectados tiña que facerse de xeito solidario entre o Concello e a empresa adxudicataria. Martiño Noriega recoñeceu que “ninguén entende que non se lle reclamara á empresa o pago da parte que lle correspondería, e que o Concello abonara en solitario os gastos de 662.199,75 euros”. Por iso, a terceira medida adoptada hoxe foi “darlle orde á Intervención Municipal para que inicie os trámites para reclamarlle o pago á empresa, que segue prestando o servizo”.
O alcalde explicou que esas cifras son tamén as que obrigan a “actuar co rigor que faltou ata agora á hora de elaborar os pregos do servizo, porque se asumir a sete traballadores supón un custo de máis de 600.000 euros, é fácil imaxinar o que suporía para as arcas municipais ter que asumir aos 51 traballadores da empresa”.
Martiño Noriega insistiu en que “por todo isto é polo que hoxe decidimos remitir o expediente ao Ministerio Fiscal e abrir un proceso de información interna, porque non podemos amparar prácticas susceptibles de supoñer un delito penal e que atentan contra os intereses de toda a veciñanza de Compostela”.