A entidade percibirá 4.000 euros da administración local
O Concello e maila ANPA do CPI de San Sadurniño rubricaron hai uns días co convenio anual de colaboración co que a entidade percibirá 4.000 euros para financiar as súas actividades e outras que desenvolva a comunidade educativa. Neste último caso atópanse a IV Carreira popular pola Igualdade prevista para o domingo 28 de maio e a III Parada familiar de Xogos Tradicionais, que terá lugar na leira da Cortiña na tarde deste sábado. A ANPA recibirá os 4.000 euros en dúas veces: 2.000 euros inmediatamente despois da sinatura do convenio e os outros 2.000 a finais de ano cadrando coa xustificación dos gastos das actividades realizadas. O documento recolle, ademais, o compromiso da asociación de nais e pais de organizar actividades lúdicas co gallo do Entroido, das Letras Galegas e do Magosto e Samaín.
Porén, cos cartos a ANPA tamén subvencionará a actividade de psicomotricidade de maneira que as familias do alumnado participante só teñan que pagar un máximo de 10 euros. Ademais, a entidade colaborará economicamente coas excursións escolares achegando 300 euros para as de infantil e primaria e outros 600 para a de secundaria.
O convenio rubricado o mércores pasado por Secundino García e a presidenta da entidade, Ana Belén Monteagudo, tamén reflicte o compromiso de organizar un curso de primeiros auxilios e unhas xornadas de apicultura -en colaboración coa delegación de Ferrolterra da AGA- dentro das actividades dirixidas a 1º e 2º de secundaria. Para o alumnado de 3º e 4º de secundaria tamén están previstas unhas xornadas de fructicultura coordinadas pola Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume e outras sobre economía social e cooperativismo.
Xogos tradicionais e carreira popular
Por último, o acordo recolle a participación da ANPA na organización da III Parada Familiar de Xogos Tradicionais. O encontro co lecer tradicional desenvolverase na finca da Cortiña este sábado 22 de abril entre as 16.30 e as 19.00h. Está aberto á rapazada como principal destinataria da preservación dos xogos e enredos de toda a vida -o aro, o peón, as bólas, os tirapedras, etc.- pero tamén á xente adulta e, especialmente, aos avós e avoas que máis e mellores recordos gardan sobre os entretementos do pasado.
A Asociación de Nais e Pais do CPI tamén colaborará coa IV Carreira Popular Concello de San Sadurniño. Un evento programado para o domingo 28 de maio que xa ten aberto o prazo de inscrición e que nesta edición terá como un dos seus obxectivos promover a igualdade. A proba forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e, ademais, é unha das carreiras do II Circuíto Corre polo Norte que arrancará en Cedeira o 20 de maio e que rematará en Mañón o 3 de setembro.