O Perfil de Contratante do Concello de Fene publicou recentemente a adxudicación dos traballos de restauración do firme nos camiños da Revolta a Formosende, en dous puntos da rúa Río Cádavo, na zona do Valadoiro e Valado -Sillobre- e na conexión de Beiramar cos Loureiros, en Barallobre. As actuacións saíron a contratación por preto de 48.000 euros e, finalmente, será a empresa Lancer Proyectos y Obras S.A. quen as leve adiante por un prezo 26.379 euros, financiados con cargo ao Plan de Aforro e Investimentos 2016 promovido pola Deputación da Coruña.
Os catro tramos sobre os que se vai traballar suman máis de quilómetro e medio da rede viaria municipal e en todos eles se fará un labor de rebacheo e posterior sustitución da capa de asfalto, ademais da limpeza das cunetas.
No caso de Fene prevese reparar o camiño da Revolta a Formosende. Unha vía en “Y” de 500 metros que conecta a Revolta con Sixto Mauriz e coa N-651 xusto fronte á estación de servizo da Porta do Sol.
As obras de Perlío -ao longo da rúa Río Cádavo- divídense á súa vez en dous tramos, un duns 80m. paralelo ao aparcadoiro da CCRD Perlío -entre Eduardo Neira e o cruce co Cardoeiro- e outro cercano aos 90 metros situado na parte baixa da rúa, preto xa da costa das Chancas.
Fóra do casco urbano hai programadas outras dúas obras. Unha delas, denominada no proxecto “Camiño do Valadoiro e Valado-Sillobre”, repasará a costa dos Regueiros, o camiño Río de Sa e tamén o do Río Valado. Son máis de 800 metros de pistas aos que se sumarán outros 100 correspondentes á reparación dun tramo da rúa Beiramar, en Barallobre, na súa confluencia co camiño dos Loureiros.
Todos estes traballos adxudicáronse recentemente en 26.379 euros e comezarán nos próximos días. E non serán os únicos, xa que o Concello tamén ten xa formalizados os contratos para outras obras de pavimentación e de mellora da rede viaria por un montante conxunto superior aos 74.000 euros. É o caso do reforzo do firme no núcleo de Lubián -tamén con cargo ao PAI-, a renovación da estrada desde A Areosa ata Larxe e de varias actuacións en Barallobre e Maniños xunto co alumeado público a contorna da polideportiva de Magalofes.
Por outra banda, a Mesa de contratación tamén iniciará nos próximos días o estudo das propostas presentadas para o contrato de reparación da marxe dereita da Avenida das Pías, logo da finalización o pasado día 10 do prazo para participar no concurso. O proxecto elaborado en novembro de 2015 financiarase con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación e ten un prezo de licitación de 355.000 euros ive incluído.