Estas obras forman parte dun contrato que vén de licitarse por un importe de 1,2 millóns de euros e ten como obxectivo o reforzo de firme en cinco estradas da provincia da Coruña
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), acometerá obras de mellora do firme na estrada Sigrás- Muros (AC-400), ao seu paso polos concellos da Laracha e Cerceda, mediante o investimento de máis de 310.000 euros.
Na estrada AC-400 executaranse reparacións localizadas do firme nos puntos deteriorados dos treitos comprendidos entre os Pq.12+260 e 13+260 e 13+650 e 16+700, nos Concellos da Laracha e Cerceda; e entre os 26+500 e 27+500 e 27+800 e 28+400, no Concello de Cerceda. Ademais, nesta vía tamén se arranxará a capa de rodadura entre os Pq. 0 e 7, nas travesías de Sigrás, en Cambre; no Casal, Celas de Peiro e Peiro de Arriba en Culleredo.
Estas actuacións forman parte dun contrato máis amplo que se vén de licitar e inclúe o reforzo de firme en treitos localizados de cinco estradas da provincia da Coruña, concretamente nos municipios de Culleredo, Cambre, Betanzos, Arteixo, Cerceda e A Laracha. O Goberno galego achega un investimento de 1,2 millóns de euros para levar a cabo estas obras.
Cómpre lembrar que as empresas interesadas na presentación de ofertas para a realización destes traballos, cuxo prazo de execución é de seis meses, remata o vindeiro 2 de maio.
Este tipo de obras están enmarcadas no Plan de reforzos de firme co que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda mellorará case 700 quilómetros de estradas de titularidade autonómica.
O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.