Friday 22 de November de 2024

O apoio da Xunta ao Medio Rural propiciou que o ano pasado 164 mozos da provincia convertéranse en gandeiros e agricultores


A consellería vén de publicar a orde correspondente a este ano, na que aumenta as axudas ata os 65 millóns de euros, 4,3 millóns máis do que se executou en 2016

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, apoiou a 320 titulares de explotacións agrarias da provincia da Coruña achegando axudas que superan os 16,3 millóns de euros, destinadas a modernizar as súas producións a través dos plans de mellora de das axudas á incorporación de mozos. Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, no transcurso dunha visita a unha explotación gandeira en Cabana de Bergantiños.

Rodeiro compartiu co responsable da granxa leiteira Miraflores, cun censo medio en muxido de 95 vacas e entregas de leite de 875 toneladas. O propietario, Manuel Fondo, explicou que recibiu dúas axudas que sumaron máis de 130.000 euros. Grazas a estas subvencións, a granxa Miraflores renovou por completo o seu cortello, instalou un silo forraxeiro, unha grada rotativa e cubriu a fosa. Ademais, facilitouse a incorporación de dous mozos, un rapaz e unha rapaza, con cadansúa prima de 20.000 euros.

A Xunta vén de publicar a orde correspondente a este ano, na que aumenta as axudas. O orzamento total para 2017 será de 65 millóns de euros, 4,3 millóns máis do que se executou en 2016. Outros 40 millóns se destinarán a plans de mellora e os 20 millóns restantes, á incorporación de mocidade.

O obxectivo destas achegas é mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas para facelas máis rendibles e competitivas, avanzar cara a un adecuado progreso e equilibrio dos factores de produción das explotacións agrarias, seguir impulsando o rexuvenecemento do sector, fomentar o emprego e contribuír a manter a poboación no rural, meta central do plan presentado e no que se inscriben estas axudas.

Ovidio Rodeiro lembrou que “grazas a estas axudas, o ano pasado, 164 mozos da provincia da Coruña comezaron a traballar no campo” e 165 explotacións melloraron as súas instalacións. Ademais romper o teito de axudas por beneficiario, tanto na liña para a incorporación de mozos coma nos plans de mellora de explotacións agrarias, cada agricultor mozo recibiu unha media de 40.000 euros, case o dobre do que se viña concedendo. E cada plan de mellora foi apoiado con 62.000 euros, case o triplo que a media histórica.