Friday 22 de November de 2024

A Xunta enviará ás casas información sobre a loita contra a praga da pataca


A Consellaría do Medio Rural semella que vai comezar en breve coa retirada das patacas nas zonas declaradas como infestadas de couza guatemalteca. Por iso está repartindo xa sacos especiais para gardar as patacas da semente que non se plantasen, as de consumo que aínda queden do ano pasado na barrela e tamén as de cedo que haxa que arrincar. Os sacos -máis ben bolsas grandes- poderán recollerse na Oficina Agraria Comarcal ou na Casa da Cultura desde este mércores. A Xunta tamén está preparando unha campaña informativa sobre como vai proceder dentro de pouco tempo e por iso enviará ás casas unha carta e un folleto explicativo que se acompañará de anuncios en espazos públicos sobre as datas e horarios de retirada da pataca.

Na carta cóntase que será a empresa pública SEAGA quen recollerá todas as patacas almacenadas, tanto as da colleita do ano pasado como as de semente e as desenterradas este ano. Estas patacas haberá que gardalas nos sacos de plástico facilitados pola Xunta -ou noutro similar que teñamos pola casa-, que deberán deixarse abertos para que sexan os servizos oficiais quen os precinten no momento da recollida.

A carta tamén indica que non se deben mesturar nos sacos distintos tipos de pataca. E é que as indemnizacións tamén serán distintas dependendo de se as patacas son da semente, que se pagarán a 0,70€/kg., se son sobras da colleita do ano pasado -a 0,30€/kg.- ou pataca de cedo arrincada en cumprimento da lexislación vixente, que se pagará por superficie declarada a aproximadamente 200€/ferrado (uns 0’40€/m²), aínda que estas contías non serán oficiais ata a súa publicación do DOG. Nunha das últimas xuntanzas mantidas entre persoal de Medio Rural e representantes dos municipios afectados quedou no aire a cuestión de se as indemnizacións percibidas e o método de pagamento previsto pola Xunta van ter incidencia na declaración da renda das persoas indemnizadas, en moitos casos pensionistas que non teñen a obriga de facer a declaración.

O texto informa de que o persoal designado pola Xunta para a retirada da pataca irá debidamente identificado e en vehículos oficiais rotulados. Medio Rural tamén conta na misiva que as datas e horas aproximadas ás que pasarán por cada parroquia se anunciarán “mediante carteis informativos dispostos en lugares públicos”. Por último a carta lembra que para a loita contra a couza guatemalteca “é necesaria a colaboración de todos e todas”. Sobre esta cuestión cómpre lembrar que a normativa estatal e autonómica ademais de prohibir a plantación desde o 5 de marzo tamén obrigaba a declarar antes do 1º de abril as plantacións feitas de pataca de cedo e incluso informar sobre as existencias nas casas de pataca de semente sen plantar e de pataca para autoconsumo sobrante da colleita do ano pasado. Algo que, malia todo, non está claro que todo o mundo fixese.

Canda a esta carta de Medio Rural tamén recibiremos un folleto informativo coas medidas para a erradicación da praga. É moi escueto en cada punto pero abondoso en recomendacións e obrigas, que transcribimos íntegras:

En plantacións:

Está prohibido o cultivo de patacas desde o 5 de marzo de 2017
Hai que desenterrar todas as plantacións existentes e os rebrotes de anos anteriores (o folleto non o di, pero non será a Xunta quen arrinque, senón que deberán ser os propietarios e propietarias das plantacións)
Aplicar un tratamento fitosanitario nas parcelas cultivadas da campaña anterior
En almacéns particulares:

As patacas existentes, tanto de consumo como de semente, deberán ser entregadas aos servizos oficiais para a súa destrución
Limpeza e desinfección do almacén e instalación dunha trampa con feromona
Destrución de sacos e caixas que estiveran en contacto coas patacas contaminadas ou na mesma estancia
Recoméndase non acumular grandes cantidades de pataca
En almacéns comerciais:

Colocación de mallas tupidas cun mínimo de 6×6 fíos/cm² en ocos e ventás e instalación dun sistema eficaz en portas que evite a entrada de Tecia
Limpeza e desinfección do almacén
Prohibición de almacenamento e comercialización de patacas producidas dentro das zonas infestadas
Instalación de trampas con feromona sexual específica para a captura de Tecia
Rexistro de entradas e saídas de patacas do almacén, da súa orixe e destino
Prohibición de venda de pataca de semente mentres non se levante oficialmente a prohibición de cultivo
Para todos os demais establecementos de venda, feiras e mercados:

Venda de patacas para o consumo directo, preparadas e envasadas para o consumidor final
Prohibición da comercialización de patacas a granel
Prohibición de venda de patacas producidas dentro das zonas infestadas
Control de movementos de pataca:

Prohibición do movemento de patacas procedentes das zonas infestadas
A entrada de pataca de consumo será só preparada e envasada para o consumo directo
Entradas e saídas dos almacéns en vehículos protexidos fisicamente para evitar a contaminación
As rutas de reparto de patacas aos almacéns e establecementos de venda situados nas zonas infestadas será tal que o vehículo empregado saia baleiro desas zonas
Os vehículos de transporte sairán limpos e sen terra residual, de tal xeito que se garanta que a praga non se poida establecer nin propagar fóra das zonas infestadas
Evitarase o tránsito no transporte de patacas de consumo con entrada e saída dunha zona infestada e, de ser o caso, empregarase un vehículo protexido fisicamente para evitar a contaminación.