Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso volve ser pioneiro na implantación de novos servizos de administración electrónica na comarca


A adhesión ao sistema de interconexión de Rexistros súmase a outros como a sede electrónica, o pago de taxas e tributos, a Liña Verde ou a reserva de instalacións deportivas

O concello de Oroso segue sendo pioneiro na comarca á hora de implantar novos servizos de administración electrónica. Despois de ser o primeiro municipio das comarcas de Ordes e Santiago en poñer en marcha a súa sé electrónica, agora o Concello de Oroso é un dos sete primeiros municipios da provincia en adherirse ao Sistema de Interconexión de Rexistros, unha plataforma que permite enviar e recibir documentos dende as oficinas de rexistro municipais a calquera órgano do Estado, de forma segura e con conformidade legal.

Unha medida que aporta un triplo beneficio: Económico, xa que elimina os custos de manipulación e envío de papeis grazas á xeración de copias electrónicas autenticadas da documentación presentada polos veciños e veciñas nos Rexistros; Medioambiental, derivado do anterior xa que se reduce o consumo de papel e tinta; e de Redución da burocracia, pois fai a xestión máis áxil e segura para o cidadán.

E-Administración

A administración electrónica é, dende sempre, unha prioridade para o Goberno orosán, por todo o que supón de achegar a Administración ao veciño e, ao mesmo tempo, facerlle moito máis doada calquera xestión ou trámite que precise. De feito, o primeiro gran salto de calidade tivo lugar en maio de 2011, data na que se puxo en marcha uns sistema de xeración dinámica dos impresos de autoliquidacións, que permitiu que por primeira vez os veciños e veciñas de Oroso puideran pagar as taxas e os prezos públicos municipais comodamente dende o seu ordenador.

Un sistema que non só vén sendo utilizado de xeito cómodo, seguro e transparente pola veciñanza orosá, senón que cada pouco tempo vai incorporando melloras. Unha das primeiras, acometida en 2012, permitiu poñer a disposición dos veciños e veciñas un sistema de reservas online para as instalacións deportivas da súa titularidade: polideportivo, pista de pádel, campo de fútbol 11, campo de fútbol 7 e pista de squash. Deste xeito, dende o seu ordenador e de xeito sinxelo, cada veciño e veciña pode ver as horas dispoñibles nunha instalación e nun día concreto, reservar aquelas que lle interesen e facelo pago todo elo dun xeito cómodo, seguro e transparente que non se fai en moitos municipios de Galicia.

O pago da taxa pola utilización da instalación tamén se fai online xa que a efectividade da reserva queda supeditada ao devandito pago, de acordo coas tarifas establecidas nas ordenanzas fiscais vixentes. Neste caso, o usuario só debe imprimir o PDF co xustificante do pago e reserva para presentalo na instalación correspondente.

Punteiro na comarca

A estes servizos engadiuse a apertura da Sede Electrónica do Concello de Oroso a principios deste mes de decembro de 2012, de xeito que todos os veciños e veciñas poden facer todos os trámites burocráticos comodamente dende a súa casa e sen necesidade de desprazarse presencialmente ata a casa consistorial. A sede electrónica municipal (https//sede.concellooroso.es) dispón dos seguintes servizos a disposición dos cidadáns:

• presentación telemática de solicitudes
• enlace para a formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente
• acceso, no seu caso, á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático
• no seu caso, publicación electrónica de acto e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, indicando o carácter substitutivo ou complementario da publicación electrónica
• verificación dos selos electrónicos que se usen na sé
• comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos e que foran autenticados mediante código seguro de verificación.

Ademais, a súa pronta posta en marcha permitiu tamén incrementar nunha hora diaria a atención aos veciños e veciñas ao non ter a obriga legal de abrir nas mañás do sábado por mor do Rexistro. Unha medida adoptada por todas as corporacións municipais a finais de 2016 e que xa se puxera en marcha en Oroso en xaneiro de 2015, permitindo que os orosáns foran dos poucos cidadáns da provincia que podían presentar calquera documento por Rexistro calquera día da semana.