O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 18 de maio a través da web www.emesports.es
O Concello de Lousame convoca a terceira carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que terá lugar o domingo 21 de maio. Unha proba de 10 quilómetros na súa categoría absoluta e cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 18 de maio a través da páxina web www.emesports.es.
Unha novidade deste ano é a ampliación da gratuidade da proba á categoría xuvenil, de xeito que a participación será totalmente de balde para corredores e corredoras ata os 17 anos: chupetes, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís. Os demais atletas terán que aboar unha cota de inscrición de 6 euros. En todos os casos, a inscrición dá dereito a seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes, avituallamentos e outros servizos como vestiarios, duchas e agasallos conmemorativos.
Premios
O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías chupete, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.
A recollida de dorsais da I Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” terá lugar a partir das 9:00 horas do domingo 21 de maio na praza Teodomiro Hidalgo e será imprescindible presentar o DNI para a súa retirada. Ademais de polo dorsal, os participantes estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos dará lugar á descualificación do corredor.
Os horarios adiántanse en media hora con respecto ao ano anterior. Así, as probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coas categorías cadete (nados no 2002-2003) e xuvenil (2000-2001), que percorrerán unha distancia de 3.500 metros con saída e chegada no KM 0 da estrada Portobravo-Tállara. Ás 10:25 horas sairán os corredores das categorías Alevín (2006-2007) e Infantil (2004-5) para percorrer unha distancia de 2 quilómetros.
Ás 11:00 horas terá lugar a proba xeral na que os corredores deberán percorrer unha distancias de 10 quilómetros. A II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” completarase ás 12:20 horas, coa carreira de 500 metros dos benxamíns (2008-9); e ás 12:30, coa dos prebenxamíns (2010-2) ao longo de 150 metros. As probas pecharanse ás 12:40 cos 50 metros para a categoría Chupete.
A III Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. Máis información en www.emesport.es; www.correrengalicias.es, e www.concellodelousames.es ou no teléfono 981 825780..