Celebrarase este xoves no campo de fútbol de Corrubedo
O festival Kurrala Rock regresa a Corrubedo cun festival que terá lugar este xoves 13 de abril a partir das 20 horas no campo de fútbol da parroquia.
Para presentar o cartel acudiu hoxe á Casa do Concello o seu promotor, Abdón Santos, a quen acompañou a concelleira de Cultura Herminia Pouso.
Seis serán os grupos participantes, procedentes de País Vasco e Galicia. Así, integran o festival Korkones de Pasaia, Yakovlev 42 de Oiartzun, Cuarta Xusta de Melide, Asfire de O Campiño, os noieses Me Kajo No Dios Ke Che Fixo e os riveirenses Sueños Húmedos.
O acontecemento será como sempre gratuíto e as previsións de público apuntan ao milleiro de persoas aproveitando o tirón das vacacións de Semana Santa.
Sete horas de duración
Terá unha duración de 7 horas e o escenario terá unha boca de 16 metros. A destacar tamén os entre 30.000 e 35.000 watios de son e a iluminación de última tecnoloxía led.
Tal e como reflicte o seu nome, o Kurrala Rock naceu no ano 2003 no patio da casa de Abdón Santos a iniciativa da súa nai, Paquita Santos, quen asumiu a súa organización a partir do ano seguinte. Ante o crecente número de público que acude ao evento, dende 2010 celébrase no campo de fútbol de Corrubedo.