Saturday 23 de November de 2024

San Sadurniño pon a XXII Feira da Plantación o 30 de abril


O último domingo deste mes de abril volvemos celebrar en San Sadurniño a Feira da Plantación. Unha cita coa produción de flor e da planta que tras dúas décadas sen fallo está xa máis que consolidada e que, ademais, gana en visitantes a cada ano que pasa. A feira está aberta de novo a expositores de toda a volta para mostrar e vender flor, planta decorativa, árbores, herbas medicinais… pero tamén materia prima para os morteiros e produtos alimentarios frescos. O Concello -organizador da feira coa colaboración de Vivergal S.L. e da Deputación- busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural. O prazo para solicitar un espazo no recinto está aberto ata o 26 de abril.

Na feira daranse cita principalmente principalmente viveiros de planta e árbores, florerías, produción de horta, postos de alimentación e tamén a artesanía sempre que estea vinculada co mundo vexetal. A diferenza da Feira Rural e dos mercados trimestrais, neste caso non haberá venda de artigos de segunda man nin tampouco outras manufacturas que non se axeiten ao tema principal desta feira monográfica.

O evento desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño, onde se instalará unha carpa de 2000 metros cadrados para acomodar exclusivamente os expositores de planta, xa que o resto se disporán nos laterais da carpa e na rúa paralela ao colexio público. Entre eles haberá produción, comercialización, cooperativas e outras organizacións relacionadas co sector primario.

A XXII Feira da Plantación comezará pola mañá e estará aberta ata o serán. O público poderá atopar todo tipo de produtos relacionados co cultivo da terra, ademais de gozar do espectáculo en si que ofrecen os expositores tinguidos de cor. Para a rapazada tamén haberá dous obradoiros, un de mañá e outro de tarde, nos que decorarán a súa propia maceta para despois poñer nela unha planta. Outra parte tradicional do programa é a de agasallar ás persoas asistentes cunha planta de recordo e a de que reciban con cada compra papeletas para participaren no sorteo de varios lotes de produtos.

Alén da poñer en valor do rural e do seu potencial, a feira tamén é unha escusa perfecta para achegarse a San Sadurniño e botar o día coñecendo o territorio ou gozando da boa mesa nalgún dos locais hostaleiros do municipio. No caso dos restaurantes e mesóns próximos aconséllase reservar mesa.

Inscricións
O prazo de inscrición na XXII Feira da plantación está aberto ata o 26 de abril ás 14.00h. Para apuntarse nela haberá que cubrir a solicitude que hai ao pé deste artigo e presentala no rexistro municipal, enviala por correo postal ao Concello -Lugar do Casal nº 16, c.p. 15560-San Sadurniño- ou ben a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal. Igual que ocorre na Feira Rural, neste caso tamén se establece un prezo simbólico para axudar cos gastos da organización: 5 euros para os viveiros e 3 euros para artesanía e alimentación, mentres que as entidades sen fins de lucro poderán reservar sitio de balde presentando os seus estatutos.

Cómpre reseñar, unha vez máis, que esta feira non está aberta aos postos de segunda man nin tampouco aos de artesanía, agás aqueles relacionados co cultivo da terra ou co mundo vexetal como, por exemplo, a artesanía floral.

A lista definitiva de postos admitidos publicarase o 27 de abril. Para máis información ou para solventar calquera dúbida hai dous teléfonos: a centraliña do Concello, 981 490 027 ou o móbil 616 332 919.

A XXII Feira da Plantación sae adiante con recursos municipais e tamén con fondos xestionados pola Deputación da Coruña. Porén, desde o Concello tamén se destaca a importante colaboración da empresa Vivegal S.L., quen subministra gratis os plantóns que se regalan ao longo da xornada.

Situada en Santa Mariña do Monte, Vivergal é unha firma familiar punteira no sector da produción de flor e planta ornamental. As súas orixes remóntanse á pequena explotación creada en 1985 por José Manuel Fernández, Desde aquela foi medrando e especializándose para atender mercados internacionais e actuando como centro de produción de alta calidade para as principais comercializadoras de planta do mundo.

Na actualidade atenden os mercados estatais e estranxeiros cunha ampla variedade de plantas e estados vexetativos, desde os plantóns de semente ou reproducidos a partir de escallos ata os pés xa listos para ser colocados nos puntos de venda.