Cunha instantánea desta serie, Carlos López acadou o 2º premio no Concurso de Fotografía do Csif “Miradas de mujer” 2016
“Parécenos que o punto de vista da nosa cultura ten que ser válido para toda a humanidade, pero a realidade é que non hai unha xerarquía de culturas, non existen culturas inferiores e superiores, só culturas diferentes…pero en igualdade. É certo que ás veces resulta difícil comprender moitas actitudes e formas de sentir, pero…respectar…debe ser un principio fundamental, unha obriga para nós e un dereito para os demais”
Así se presenta “Hábitats”, a exposición do fotógrafo coruñés Carlos López, “Calrús”, que se amosa dende hoxe na Casa da Cultura de Fene. A mostra, que se poderá visitar nesta instalación até o vindeiro 12 de maio, é froito “dun traballo fotográfico realizado durante varios anos coa intención de captar outros costumes e crenzas, outras formas de organización social, de interpretar a relixión e a sexualidade; outras tradicións e outros xeitos de vivir”. Porque, segundo Calrús, “temos que aprender a valorar a riqueza que ofrece calquera cultura e tratar de entender as distintas formas de ver a vida…e a morte; ao fin e ao cabo todos andamos na busca do mesmo: sobrevivir, ser felices, amar, rir…vivir.”
Cincuenta e catro fotografías compoñen a colección “Hábitats”, de Carlos López. Cunha instantánea desta serie, o fotógrafo coruñés acadou o 2º premio no Concurso de Fotografía do Csif “Miradas de mujer” 2016.
Natural da Coruña pero residente en Santiago de Compostela, Calrús (http://calrus.blogspot.com.es) é un apaixonado da fotografía en branco e negro. Así, afirma: “Non é que sexa un obseso do Branco e Negro, pero en calquera caso, tarde ou cedo, as miñas fotos acaban en branco e negro, para min un xénero fotográfico en si mesmo e o que me cativa, non sei se porque xa de cativaban as películas de cinema en branco e negro ou porque as grandes iconas da fotografía están capturadas en branco e negro, ou polos recordos daquel laboratorio caseiro. O branco e negro é atemporal.”
Coa fotografía, engade, “pretendo transmitir as sensacións que percibo cando estou a tomar unha instantánea. Gústame a fotografía cotián, as escenas atopadas, espontáneas,
situacións non premeditadas e que non necesitan dunha explicación. Por iso tento ser obxectivo, aínda que iso sexa imposible xa que sempre inflúe a túa forma de ver as cousas, o teu estado de ánimo, e iso reflíctese en todo o proceso: ti elixes a distancia, o obxectivo, o momento, a apertura e velocidade, a composición…e todo iso transforma unha escena desde un punto de vista persoal, algo que tampouco está mal: é unha forma de tentar transmitir a túa forma de ver as cousas”.
Horario de visitas da exposición “Hábitats”: Durante a Semana Santa (o luns 10, o martes 11, o mércores 12 e o luns 17 de abril), a exposición “Hábitats” poderá visitarse con horario ampliado de 10 a 14.15h. Do xoves 13 ao domingo 16 de abril, a instalación permanecerá pechada. A partir do martes 18 retomarase o horario habitual da Casa da Cultura de Fene, de luns a venres, de 10.00 a 13 horas, e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.