Friday 22 de November de 2024

Comeza a reforma do teitume da reitoral e a demolición dos nichos de Bribes


O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, acompañado de técnicos municipais desprazáronse hoxe ata o edificio da reitoral da parroquia de San Ciprián de Bribes para visitar as obras de reparación da cuberta da reitoral e a demolición dos nichos ilegais da parroquia, sobre os que pesaba unha sentenza xudicial de fai máis de vinte anos.

Segundo García Patiño, cúmprese desta maneira unha vella reivindicación dos veciños que demandaban unha solución ao inminente esborralle dun edificio histórico e, doutra banda, a demolición dunha estrutura ilegal.

?É un día de celebración para Bribes. Un día no que se executan dúas reivindicacións históricas e que todos debemos celebrar. Nós fixemos o noso traballo como gobernantes que foi esixir ás autoridades competentes que executasen estes traballos. Foi unha tarefa que levou o seu tempo, con moitas negociacións e que ao final deu os seus froitos?.

O pasado ano o Concello instou o Arcebispado a adoptar as medidas necesarias para evitar do esborralle do edificio protexido por Patrimonio. Incluso o Concello chegou a sancionar con multa coercitivas ao ente eclesiástico polo risco de derrumbre que supoñía para os transeúntes do camiño da igrexa e por manter nun estado ruinoso un edificio de interese cultural.

Polo que respecta á demolición dos nichos, anexos á igrexa, Sanidade xa avisara da contratación das obras de derrube, unha actuación que foi demandada polo Concello a principios de lexislatura.

Trátase duns panteóns que foron construídos no seu día polos veciños da parroquia sen contar coas licenzas oportunas e que unha sentenza do ano 1992 obrigaba a demoler. A pesar do fallo xudicial, nunca se procedeu á demolición ata que o actual goberno local reclamou á Xunta que cumprise a sentenza e levará a cabo esta demolición.