A EXPOSICIÓN PODERÁ SER VISITADA ATA O 29 DE ABRIL
O Centro Cultural Lustres Rivas viviu unha vez máis outra multitudinaria inauguración coa apertura da exposición “O Cangrexo Verde”, dos irmáns e artistas muradanos Fernando e Roque Rey.
Decenas de persoas achegaron ata a instalación municipal para asistir a unha mostra que combina pintura (da autoría de Fernando) e escultura (creada por Roque) por medio de máis de medio cento de obras conformadas en distintas técnicas e estilos.
Así, no caso da escultura de Roque moitas das obras son conxuntos que supoñen unha mestura de pezas de diversos tamaños e motivos, combinando alfaias, cerámicas, móbiles, etc… mentres que a pintura de Fernando combina obra de pequeño e gran formato, acrílicos, látex e pigmento sobre lenzo ou papel.
O evento contou coas intervencións dos alcaldes de Riveira e Muros, Manuel Ruiz e María Xosé Alfondo; da concelleira de Cultura Herminia Pouso; e de Domingo Guerra París, membro do Tribunal de Contas e divulgador cultural na comarca de Muros e Noia.
Fernando Rey Castiñeira é arquitecto ténico de profesión pola escola da Coruña e desenvolve o seu labor no Concello de Muros; mentres que o seu irmán Roque é arquitecto graduado na City College School of Architecture de Nova York e traballa no estudo Robert Couturier desta metrópole. Ambos posúen unha marcada relación coa expresión plástica, que no primeiro se materializa na pintura en todas as súas manifestacións e o segundo na escultura e no deseño.
Horario especial en Semana Santa
A mostra poderá ser visitada ata o 29 de abril de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas, e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. Así mesmo, con motivo desta Semana Santa haberá un horario especial de tal xeito que en xoves, venres e sábado santo estará aberta de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.