Milleiros de persoas participaron Domingo de Ramos na duodécima edición da Festa da Merenda de Aiazo (Frades) que, a xulgar pola asistencia a media xornada, vai camiño de converterse na edición máis concorrida da súa curta pero intensa historia. O bo tempo axudou, sobre todo para que na área recreativa de Aiazo se instalaran centos de tendas e grupos de amigos e familias que viñeron pasar toda a xornada festiva en Aiazo.
A ocupación foi tal que ás dúas da tarde había que facer cola de ata 20 minutos para poder aparcar nun dos tres aparcamentos habilitados pola organización. Un total de 3.000 prazas de aparcamento que, ás catro da tarde, estaban cubertas ao 75%, á espera do “arreón final” que chegará a iso das 18:00 horas cos centos de fans das orquestras París de Noia e Fania Blanco Show que se achegarán ata Aiazo.
Dende a Asociación de Veciños “Os Pasos”, organizadora da festa, confirman que este ano se vai superar a marca das 1.000 tortillas de masa repartidas durante toda a xornada. De feito, á hora de xantar as camareiras non daban abasto para sacar os pedidos, tanto as de balde para degustar aló como as de levar (unha por 3 euros, dúas por 5 euros). E iso que este ano se incorporaron novas cociñeiras, ata sumar un total de dezaoito que fixeron quendas dende as 12:00 horas e que non deixarán de sacar tortillas de masa con torriscos ata ben entrada a media noite.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou á asociación “Os Pasos” polo seu excelente traballo e destacou que “estamos diante dunha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional como é a tortilla de masa e ao cariño e o esforzo co que o elaboran estas cociñeiras”. Roberto Rey estivo acompañado polos concelleiros de Ensino, Manuel Ferreiro; Infraestruturas, Ramón Garabato; Familia, Ángeles Álvarez; Cultura, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos; e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos.
Música
Durante a mañá, a música correu a cargo da Charanga DGT, que deu paso á Foliada da Merenda, organizada pola agrupación Sarillo de Aiazo en colaboración coa Asociación de Veciños “Os Pasos”. Nela participaron os grupos Reviravolta (Lardeiros), Agrocovo (Esteiro), Faíscas da Pontraga (Ordes) e os locais Sarillo (Aiazo). A festa rematará cunha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Fania Blanco Show.
A Festa da Merenda é posible grazas ao traballo da Asociación de Veciños de Aiazo, que comeza días antes coa selección do touciño e demais ingredientes das tortillas de masa: auga, ovos e fariña, ambos caseiros, o que lles dá un sabor diferenciado a estas “merendas”. Se o primeiro obxectivo da Festa da Merenda era que os máis novos coñecesen a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas (cando era un dos pratos máis empregados na posguerra), agora a “merenda” converteuse nunha festa para todas as idades.