Os alcaldes dos concellos de Ferrol, Narón, San Sadurniño, Valdoviño, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño viaxaron ata Compostela co obxectivo de reunírense coa responsable autonómica de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e lograr o compromiso autonómico coa mellora do transporte ferroviario na liña Ferrol-Ribadeo. O encontro non chegou a producirse xa que, tal e como asegurou o xefe de gabinete, a conselleira non se atopaba no edificio. Con todo, no recibidor houbo tempo de que os rexedores -e a rexedora de Moeche- expresasen o seu malestar polo que consideraron como unha negativa a ser recibidos, cualificando a situación como “un desprezo e unha falla de respecto institucional”. O único compromiso alcanzado é o de que sexa a propia consellería quen fixe unha data para este mesmo mes de abril na que sentarán falar sobre o tren a Xunta, Renfe, Adif e os municipios afectados polas deficiencias do servizo.
Á chegada da representación municipal viviuse un intre de tensión dialéctica motivado polo feito de que, segundo Iago Domínguez -responsable do gabinete de Ethel Vázquez- a consellería tería comunicado onte ás 15.00h. que a responsable de Infraestruturas non ía atoparse en San Caetano e que, por esa razón, a presenza dos alcaldes esta mañá en Santiago obedecía, segundo Domínguez, á montaxe “dun circo mediático”.
O comentario foi respostado de inmediato poñendo en dúbida que realmente Ethel Vázquez non estivese no seu despacho e indicando que a súa negativa a manter o encontro cos 8 representantes municipais presentes -só escusou a súa presenza Ortigueira- “é un desprezo ao conxunto da poboación dos nosos municipios, logo de levar un ano agardando por unha data para esa reunión”.
Cómpre lembrar que vai facer agora un ano do encontro bilateral mantido en Cariño entre a Xunta e os municipios desde Ferrol até Ribadeo no que se puxeron enriba da mesa cuestións como Vía de Altas Prestacións, o transporte de viaxeiros por estrada e tamén o ferrocarril, aqueixado de constantes problemas na infraestrutura, na calidade do servizo e na súa adecuación ás necesidades horarias da cidadanía. Circunstancias recollidas todas elas nun completo documento elaborado pola Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo do que, tal e como aseguraba esta mañá a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, se desprendería certa “intencionalidade” xa que, segundo dixo, “estase dando un mal servizo para que a xente abandone o tren, non se cumpren horarios, non se cobra o billete…, leva máis tempo ir hoxe a Ribadeo que hai 25 anos e a situación cada vez é máis lamentable”.
No encontro informal cos alcaldes, o responsable do gabinete insistiu varias veces en que a Xunta “non ten competencias” en materia ferroviaria e que o posicionamento da Consellaría de Infraestruturas e Vivenda é “facer unha fronte común” cos concellos para buscar unha solución. Nun comunicado emitido polos representantes municipais critícase que desde a consellería se alegue a falla de competencias como “argumento para non recibir os representantes das Alcaldías dunha poboación de máis de 200.000 habitantes”, engadindo que esa carencia competencial “non xustifica en ningún caso que o Goberno galego non consiga que un representante de Renfe e un representante de ADIF acudan a unha xuntanza cos alcaldes de tres comarcas e coa conselleira, tal e como se solicitou hai un ano”.
A este respecto, os rexedores expresaron que “ou ben se solicita a transferencia das competencia para procurar unha solución definitiva ou se lle esixe con firmeza a quen ten actualmente a competencia, Renfe e Adif, entidades estatais, que poña freo ao abandono progresivo do servizo de tren nas nosas comarcas”.
Malia non chegar a cumprir a pretensión inicial de falar persoalmente con Ethel Vázquez, a comitiva municipal si arrancou o compromiso por parte do xefe do gabinete de que “hoxe mesmo” se marcaría unha data para manter unha xuntanza, condicionada polos concellos a que se celebre este mesmo mes de abril e a que nela estean tamén Renfe e Adif. A ocasión aproveitouse, ademais, para esixir que se convoque a Comisión de Seguimento da VAP, creada tamén na xuntanza do ano pasado en Cariño sen que ata o momento se chegase a reunir nin unha soa vez.
Os alcaldes acusan á Xunta de “deixadez” e de “falta de vontade”, ao tempo que lamentan que fose necesario presentarse en Santiago para dar fixado unha reunión coa conselleira.