Manuel Mirás garantiu o apoio do Concello a un proxecto que “se traballamos en conxunto e sen parar, podemos converter Sigüeiro nun Centro Comercial Aberto”
“Nós témolo clarísimo: Sigüeiro Vende”. Con estas palabras da súa secretaria e voceira, Patricia Grela Castro, presentábase en sociedade a asociación de comerciantes “Sigüeiro Vende”, que agrupa inicialmente a 25 establecementos comerciais da capital municipal. Un acto celebrado na noite de onte xoves no centro cultural de Sigüeiro e presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Comercio, Antonio Leira, que estiveron acompañados polos socios da asociación e polos concelleiros de todos os grupos políticos da corporación municipal.
Mirás Franqueira felicitou á nova asociación “que nace cun nome ambicioso e que, entre todos, imos facer bo” e salientou que “se traballamos en conxunto, con paciencia e sen parar, podemos converter Sigüeiro nun Centro Comercial Aberto”. O alcalde orosán garantiu que “dende o Concello imos apoiar á asociación en todo o posible, porque entre todos podemos facer moitas cousas”.
Neste sentido, o alcalde enmarcou as actuacións que se veñen realizando nos últimos anos dende o Concello de Oroso para reurbanizar as rúas de Sigüeiro. “Por onde pasan moitos coches, véndese moito menos”, afirmou Mirás, quen salientou que “se mellorarmos as rúas, con beirarrúas máis ancha, vainos dar mellor resultado porque a xente ten que poder andar comodamente polo pobo para animarse a comprar”.
Pola súa banda, Antonio Leira valorou que “dende Nadal véñense dando pequenos pasiños e o que se fixo ata o de agora foi ilusionante. Sabemos o que supón ser un municipio tan preto de Compostela, pero estamos todos neste reto: comercio, hostalería e Concello”. Así, o concelleiro mostrou o seu convencemento de que “chegaremos a boas actuacións. No Concello estamos a disposición de Sigüeiro Vende e animamos aos que aínda non se sumaron a que se fagan socios”.
Un comercio máis competitivo
A asociación “Sigüeiro Vende” está presidida por Dolores Rial Mirás, con Eva Carreira Carreira como vicepresidenta, María del Carmel López Penas como tesoureira e Patricia Grela Castro como secretaria e voceira. Patricia Grela explicou que escolleron “Sigüeiro Vende” como nome da asociación “porque cremos que si, que a nosa vila vende. Vende porque temos unha situación xeográfica privilexiada, un entorno natural atractivo e, sobre todo, uns veciños e veciñas implicados na realidade de Sigüeiro”.
Así, Patricia Grela indicou que “na actualidade ir de compras non é só achegarse a un establecemento a mercar algo concreto que precisas. Ir de compras é sobre todo un fenómeno social, un tempo de ocio semellante a outras actividades como tomar un café coas amigas. Ante esta realidade, os pequenos comerciantes non podemos permanecer pasivos, precisamos adecuar a nosa oferta e facer que o noso comercio sexa máis dinámico, máis actual, máis competitivo”.
Grela puntualizou que esa competencia non pode trasladarse aos prezos, “un terreo no que non temos posibilidades fronte ás grandes multinacionais. A nosa é unha competitividade que se traslada á atención ao cliente e tamén á imaxe. Debemos mellorar a nosa imaxe para que os nosos veciños e veciñas, e tamén os que veñen de fóra, queiran entrar nas nosas tendas”. Para conseguilo, indicou que é preciso poñer en marcha cursos de formación (escaparatismo, emprazamento de produto, empaquetado, presentación…) e iniciativas que premien e valoren ao cliente do día a día, como os vales de desconto que se están entregando durante este mes de abril.