Friday 22 de November de 2024

Once liñas de actuación marcarán o proxecto Máis Riveira Atlántica 2020


Tivo lugar a segunda reunión da Comisión Estratéxica

A Casa do Concello deu cabida esta mañá a unha nova reunión da Comisión Estratéxica do proxecto Máis Riveira Atlántica 2020: a segunda dende que o noso municipio foi seleccionado para a implementación deste plan que, cun orzamento de 6.250.000 euros, está cofinanciado nun 80% a través do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.

Tres eran os obxectivos da xuntanza: revisar os avances acontecidos dende a anterior convocatoria da comisión o 18 de novembro do ano pasado; informar das operacións propostas para os anos 2017 e 2018 e analizar os próximos pasos a seguir no marco de execución da EDUSI.

Así, entre os principais avances destacados no transcurso da reunión referiuse a confección e envío ao Ministerio de Facenda dun manual de procedementos (pendente do visto bo do órgano estatal) e a confección dunha primeira planificación de operacións programada para os anos 2017 e 2018 que está distribuída en once liñas de actuación. A saber:

1. Modernización da Administración
2. Smart Village Riveira
3. Mellora da eficiencia enerxética na Administración Pública
4. Centro Demostrador EBC
5. Mobilidade Urbana Sostible

6. eMar Riveira
7. Posta en valor do patrimonio cultural e natural
8. Plan Integral de Residuos
9. Humanizacion da contorna urbana e industrial
10. Dotación de infraestruturas culturais e sociais e
11. Edificios públicos para usos sociais (200.000).

Estas 11 liñas son as que se van a traducir en operacións concretas a licitar e executar, das cales na Comisión xa recibiu unha primeira aproximación en forma de distintas obras e accións que se están a barallar, como a reordenación do Malecón e o Paseo das Carolinas, un proxecto de recuperación do río Rego da Chamiza (entorno da Carballa), a elaboración dunha ruta entre o Periurbano de San Roque e Pedra da Ra, a elaboración dunha marca para a promoción de Riveira ou o acondicionamento da antiga discoteca Hesta Kurba, entre outras.

Entre os próximos pasos a realizar figuran definir o alcance e execución destas operacións en aspectos tales como prazos, orzamentos, modalidade de licitación, etc…

Ademais de por representantes de todos os grupos do Concello, a Comisión Estratéxica está formada por membros doutras administracións cuxa implicación e asesoramento resulta fundamental para poder levar a termo o Máis Riveira Atlántica 2020: Consellería de Política Social, Augas de Galicia, Amtega, Portos de Galicia, Inega, a Axencia Galega de Turismo e Demarcación de Costas do Estado en Galicia.