Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño suscribe convenios con tres entidades deportivas do municipio por valor de 31.000 euros


A sala da alcaldía acolleu este mediodía a sinatura dos convenios de colaboración para este ano entre o Concello e o Aldebarán de volei, o CF San Sadurniño e o club ciclista Biela e Chaveta. O montante total dos acordos ascende a 31.000 euros, destinados principalmente ao mantemento de escolas -no caso do volei e do fútbol- e a prestarlle apoio técnico á área municipal de Deportes na organización de actividades, como poden ser as rutas cicloturísticas ou eventos como o tetramaratón que se desenvolverá o xoves da próxima semana. Máis en detalle, o CV Aldebarán percibirá 18.000 euros, o Sansa de fútbol 12.000 e o club ciclista 1.000 euros. Os presidentes destas entidades -Juan Manuel García Cobelo, José Luís García e Sergio Collado, respectivamente- rubricaron cadanseu convenio xunto con Secundino García en presenza da titular da concellaría, Sabela Íñiguez, e do técnico da área, Agustín Pérez.

Os 18.000 euros de convenio do Aldebarán irán para gastos federativos e para o custe de monitoraxe das escolas deportivas desta disciplina de longa tradición en San Sadurniño. O 50% do convenio pagaráselle ao clube nos próximos días, mentres que os 9.000 euros restantes ingresaranse en dous prazos: o primeiro en xullo e o segundo en decembro cadrando coa xustificación dos gastos. Mediante este convenio o clube comprométese a manter as escolas durante nove meses ao ano e a colaborar coa administración local na promoción e na organización de eventos deportivos.

O Club de Fútbol San Sadurniño tamén recibirá a axuda -12.000 euros- en tres veces: 6.000 euros anticiparanse á entrada en vigor do convenio, outros 3.000 no mes de xullo e os 3.000 euros restantes a finais de ano, cando se presenten as facturas xustificativas dos gastos. A contía total distribuirase nos seguintes apartados subvencionables: 10.800 euros para monitoraxe da Escola Deportiva Municipal Fútbol e 1.200 para pequenos gastos de mantemento das instalacións do campo.

No caso do club MTB Biela e Chaveta o convenio por importe de 1.000 euros reflicte “un marco permanente de colaboración” entre o Concello e o club no que, dunha banda, o ente municipal contribúe “a afianzar o desenvolvemento dunha actividade con proxección de futuro” e, da outra, Biela e Chaveta “ofrece a súa experiencia e capacidade organizativa en toda actividade relativa á práctica desta actividade”. Igual que nos casos anteriores, a xustificación do convenio deberá formalizarse en decembro.

Os tres acordos suscritos este mediodía manteñen tanto as cantidades como o articulado con respecto ao ano pasado. Só se modificou o apartado do prazo de xustificación dos gastos, que agora prevé penalizacións no caso de que se exceda a data máxima fixada para a presentación das facturas xustificativas, a menos que antes do vencemento dese prazo se solicite unha prórroga.

Axudas para outras entidades deportivas
Alén destes 31.000 euros en convenios de colaboración nominativos, o Concello tamén destina outros 5.000 euros para colaborar con outras entidades deportivas do municipio, que se distribuirán a través da convocatoria de subvencións publicada recentemente.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais. Os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude, unha novidade introducida na convocatoria para este ano coa que se equipara a fórmula de xustificación á que se aplica nas subvencións de Cultura desde hai anos.

As axudas para os clubes e entidades deportivas que non suscribisen convenio poden solicitarse até o día 27 de abril. A xustificación deberá presentarse, como moi tarde, o 30 de novembro a menos tamén que se pida formalmente unha prórroga.