Sunday 24 de November de 2024

A sala de exposicións de Brión reabre as súas portas coa mostra “Añoranza de Aguiño”, unha selección de 37 obras de Manuel Ayaso


A inauguración terá lugar mañá venres 7 de abril, ás 20:30 horas, e estará presidida polo artista e polo alcalde brionés José Luís García

A reformada e acondicionada sala de exposicións do Concello de Brión retoma a súa programación artística cunha nova exposición a cargo dunha destacada figura das nosas artes plásticas. Trátase do pintor ribeirense Manuel Ayaso, que mañá venres 7 de abril, ás 20:30 horas, presentará “Añoranza de Aguiño”, unha mostra de 37 pinturas que vai permanecer aberta ao público ata o vindeiro 5 de maio.

Manuel Ayaso é un dos artistas plásticos galegos con maior traxectoria creativa e proxección internacional. Nado en Aguiño (Ribeira) en 1934, viviu dende neno nos Estados Unidos, país onde desenvolveu a maior parte da súa longa e frutífera carreira artística. Unha circunstancia que non lle impediu conservar unha forte ligazón sentimental coa nosa terra, que aparece reflectida na maior parte da súa obra.

Estudou Belas Artes na Newark School of Fine and Industrial Arts of Newark ( New Jersey) e logrou realizar máis de 60 exposicións, con recoñecemento do público e da crítica, en diferentes museos de New York, Canadá, México, na cidade do Vaticano, España e Galicia. Agora, a súa obra chega de novo a Brión, onde xa ten participado en varias exposicións conxuntas, na mostra “Añoranza de Aguiño”, que poderá visitarse ata o 5 de maio en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, de luns a venres.