Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Fene insta a Viaqua a que remate o baleirado da EDAR de Maniños no prazo máximo de 15 días


A administración local require á concesionaria do saneamento para que faga efectiva a sentenza xudicial que a obriga a retirar os lodos da antiga depuradora municipal

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, remitiulle este martes á empresa Viaqua un requirimento no que empraza á concesionaria a que complete a limpeza da EDAR de Maniños en non máis de 15 días hábiles, en cumprimento da resolución que obriga á empresa a facerse cargo dos resíduos acumulados na antiga depuradora situada ao carón do peirao. A comunicación insta a Viaqua a presentar dentro dese prazo a documentación acreditativa de ter rematado os traballos xa que, tal e como suscribe o rexedor no requirimento, no último ano a empresa tivo “tempo de abondo” para finalizalos.

A comunicación oficial cursada pola alcaldía busca, en último caso, que se faga efectiva a resolución do 2013 na que se requiría a Viaqua para que limpase os paramentos e fondos interiores da depuradora en desuso. Un estremo que a empresa rexeitou inicialmente por considerar que a encomenda non estaba incluída no seu contrato pero que, posteriormente, se vería obrigada a asumir en virtude dunha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol.

Neste sentido, Viaqua comunicou en abril do ano pasado a súa intención de realizar o baleirado da EDAR “de maneira inmediata”. De feito, segundo sinala o requirimento enviado onte pola alcaldía, “nos últimos meses, de forma informal, remitíronse por parte da concesionaria varios informes descritivos do desenvolvemento dos traballos” que, porén, a día de hoxe aínda non estarían finalizados malia que é habitual ver persoal de Viaqua realizando tarefas nas instalacións da antiga depuradora.

Hai uns días a metade do tanque exterior presentaba aproximadamente 20 centímetros de auga e lodo, mentres que a na outra parte aínda se acumulaban restos secos que será necesario retirar cun guindastre con cazo ou cun polbo hidráulico. En calquera caso, tal e como lembra o alcalde, “polo que puidemos observar estes días o material está en niveis mínimos con respecto ao que había hai uns meses e non existe perigo de filtracións”.

Con todo, Juventino Trigo é tallante: “hai unha sentenza que Viaqua ten que cumprir e debe facelo de inmediato. Estimamos que desde abril do ano pasado tiveron tempo de abondo para rematar cos traballos, e así se lle comunicou oficialmente a través do requirimento de onte”.

No documento remitido pola alcaldía indícaselle á empresa que dispón de 15 días hábiles para achegar a documentación acreditativa de que se completou a limpeza. Doutro xeito, asegura Trigo, “imporanse as penalizacións que correspondan”.