As 245 aulas, repartidas en 57 escolas, darán a coñecer as listas de admitidos o vindeiro 9 de maio, e ás matriculas formalizaranse entre os días 1 e 12 de xuño
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a escola infantil da rede A Galiña Azul de Narón onde explicou polo miúdo a oferta pública para nenos de 0 a 3 anos para o curso 2017-2018. O período de presentación de solicitude de adxudicación de prazas arrancou coa publicación das correspondentes resolucións no Diario Oficial de Galicia o pasado 8 de marzo e fica aberto ata o vindeiro día 10 de abril.
Na provincia da Coruña a Xunta pon a disposición dos pais e nais un total de 3.502 prazas, nas 57 escolas infantís da rede A Galiña Azul que a Consellería de Política Social xestiona directamente. Os medios que Política Social destina a mellorar a conciliación laboral, social e familiar de pais e nais é un dos obxectivos principais da Xunta de Galicia nesta lexislatura. As medidas de apoio ás familias complétanse con iniciativas como o Bono Concilia ou as Casas Niño, así como as prazas en escolas infantís de outra titularidade, pero nas que participa a Xunta a través do financiamento..
As familias dos nenos de 0 a 3 anos disporán no curso 2017-2018 de 22.439 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís da Galiña Azul en toda Galicia. Delas, 9739, están xestionadas directamente pola Consellería de Política Social, a través dos 166 centros cos que contarán no próximo ano escolar o Consorcio (140) e a Axencia (26).
A rede pública verase incrementada neste curso coa entrada en servizo de dous novos centros, un deles, o de Arteixo-Río Tambre, que suporá 82 novas prazas.
As familias dos pequenos que desexen acceder ao proceso de adxudicación de prazas nos centros da Galiña Azul poden presentar as súas solicitudes ata o próximo 10 de abril e as listaxes provisionais de admitidos e de agarda publicaranse o 9 de maio. Poderán consultalos nas propias escolas infantís onde solicitaran praza ou nas páxinas web da Consellería de Política Social. O proceso de matrícula culminará entre o 1 e o 12 de xullo.
Ovidio Rodeiro destacou “o enorme esforzo que fai a Xunta de Galicia por ofrecer aos máis novos unha oferta educativa de calidade”. Así mesmo, destacou a importancia da conciliación familiar e convidou a pais e educadores a “participar na estimulante tarefa de educar aos galegos do mañá”.