Friday 22 de November de 2024

A auditoria de medición de emisións radioeléctricas detecta 14 antenas de telefonía movil sen licenza aínda que ningunha delas supera o nivel de emisión permitido por lei


Na actualidade existen 13 torres de telecomunicación, que albergan varias antenas de diversas compañías de telecomunicacións, unhas 25 en total, das cales 14 non contan cos permisos municipais oportunos

A auditoria de emisións radioeléctricas encargada polo Concello de Cambre revela que ningunha das antenas instaladas no municipio supera os niveis de emisión permitidos pola lei, mesmo están moi por baixo dos niveis estipulados na norma estatal.

Queda por tanto garantido o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade de exposición humana aos campos electromagnéticos na zona estudada. O Ministerio de Sanidade concluíu que a exposición ás emisións radioeléctrica de estacións como a do presente estudo e dentro dos límites citados, non ten efectos adversos sobre a saúde.

O que si puxo de manifesto é a presenza de 14 antenas de telefonía móbil que non contan coa oportuna licenza municipal, polo que o departamento de Urbanismo tramitará os respectivos expedientes de reposición da legalidade urbanística.

Na actualidade existen 13 torres de telecomunicación, que albergan varias antenas de diversas compañías de telecomunicacións, unhas 25 en total, das cales 14 non contan cos permisos municipais oportunos.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, encargou a auditoria co fin de saber se había no municipio algunha antena nociva para a saúde dos veciños e veciñas de Cambre. “Os datos foron bos, segundo o informe dos enxeñeiros, algo que nos tranquiliza enormemente e que trasladaremos aos veciños que viven máis preto destas antenas”.