As anotacións deberán facerse antes do 26 de abril en www.carreiras galegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago
O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición na quinta edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que terá lugar o sábado 29 de abril en horario de tarde. Unha proba organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, Supermercados Familia, Equip@-T e a Federación Galega de Atletismo.
Na carreira poderán participar todas as persoas que o desexen. As inscricións pódense formalizar ata o mércores 26 de abril nas páxinas web www.carreirasgalegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago. As inscricións nas categorías escolares (de pitufo a xuvenil, é dicir, nacidos no 2000 e posteriores) son totalmente de balde, mentres que na proba absoluta a cota de inscrición é de 5 euros. Non se admitirán anotacións fóra do prazo indicado nin o propio día da carreira.
Probas e categorías
A V Carreira Pedestre “Concello de Oroso” desputarse ás 17:30 horas do sábado 29 de abril e inclúe un total de oito probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto correspondente a cada proba estará debidamente sinalizado.
Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán unha distancia de 10 quilómetros. Dentro da proba absoluta establécense sete categorías: júnior, sénior e cinco categorías de veteranos (A, B e C masculino; e D e E, feminino). Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar a proba dos pitufos (nados en 2012 e posteriores), que correrán uns 300 metros na rúa Camiño Inglés. A mesma distancia será percorrida dez minutos despois (17:40 horas) polos prebenxamíns (2010-2011).
Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2008-2009), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2006-2007) para dar dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). O mesmo percorrido tamén o farán os infantís (2004-2005), que sairán ás 19.15 horas. Pecharán a carreira os cadetes (2002-2003) e os xuvenís (2000-2001) percorrendo un total de 3 quilómetros, saíndo ás 19.30 e ás 19:45 horas, respectivamente.
A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará trofeos aos 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, homes e mulleres (os premios non serán acumulativos). Nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla.