A Sociedade Xeolóxica de España organiza para os días 6 e 7 de maio o denominado Geolodía 2017, co que se pretende promover o coñecemento da xeoloxía e da profesión asociada a esta disciplina. Son excursións de campo que se desenvolven simultaneamente en todo o Estado por zonas especialmente interesantes en canto a rochas e formacións minerais. O xeólogo Francisco Canosa e varias persoas voluntarias da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal encargaranse de organizar esta cita na nosa zona, que aquí se repartirá en tres veces -o 6, o 7 e tamén o 13 de maio- cunha ruta polos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela. A inscrición é gratuíta e abirase este xoves 6 de abril ás 21.00h. a través dun formulario en liña que cortará automaticamente as peticións tan pronto se complete o cupo de 54 prazas por xornada. Unha vez que se cubra o primeiro día, a organización activará de novo o formulario para as inscricións do seguinte e, tan pronto se encha este, as do día 13 de maio.
Os tres días -6,7 e 13 de maio- farase o mesmo percorrido para admirar algúns dos puntos máis interesantes da contorna desde o punto de vista paisaxístico e xeolóxico. Visitaranse enclaves dos concellos de San Sadurniño, Neda e A Capela que, en certa medida, teñen como eixo principal a área do Forgoselo “onde o granito e a auga son protagonistas”, tal e como explica Francisco Canosa.
O itinerario comezará pola mañá e durará até o serán. Tempo no que as persoas participantes se achegarán á central do Eume e á zona de Teixido na Capela, á Fervenza do Belelle e as Penas Louseiras -en Neda- e á zona do Castelo de Naraío e do alto de Racamonde, en San Sadurniño, onde se fará a ruta das Pías, encadrada nas propostas divulgativas deseñadas por Canosa para o proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.
É unha actividade gratuíta que se fará viaxando en bus para cambiar de lugar e despois a pé para visitar cada sitio, percorrendo sendeiros e camiños de dificultade baixa. Estímase que ao longo do día non se camiñen máis de tres quilómetros en total, o que fai do Geolodía 2017 unha proposta lúdica e divulgativa axeitada para calquera idade.
O autobús sairá os tres días de diante do Concello da Capela ás 9.00h., fará parada diante do de Neda ás 9.30h. e chegará ao de San Sadurniño ás 10.00h. para inciar desde alí o percorrido xeolóxico propiamente dito. Para a volta o autocar repetirá ruta, parando ás 18.00h. na Capela, ás 18.30 en Neda e ás 19 en San Sadurniño. Ás 14.00h. farase unha pausa para xantar na área recreativa de Río Cuberto, preto de Formariz, onde non hai bar nin restaurante, polo que cadaquén deberá levar a súa comida e bebida.
Prazas limitadas
Para cada un dos días en que se desenvolverá o Geolodía 2017 ofértanse 54 prazas (162 en total para os tres días). A inscrición hai que facela cubrindo o formulario dispoñible nesta ligazón, que se activará o xoves 6 de abril ás 21.00h.
É importante ter en conta que a organización irá enchendo os días a medida que vaian chegando peticións a través do formulario. Primeiro as do día 6 de maio e, tan pronto se completen, a organización activará as peticións para o 7. Unha vez que se cubra o cupo dese día empezarase a apuntar para o día 13. Non é posible, polo tanto, reservar praza por adiantado para os días 7 e 13.
Desde a organización sinalan tamén que o formulario en liña contará automaticamente as inscricións que vaian chegando ao sistema e que deixará de admitir o envío de datos cando se alcance o tope de 54 solicitudes. É importante cubrir correctamente todos os campos e, principalmente, o do correo electrónico ao que se enviará uns días despois a mensaxe de confirmación de praza.
Outro xeito de inscribirse é chamando ao Concello (981 490 027 e preguntar por Ignacio Fernández). Non se anotará ninguén antes de que se active o formulario en liña, único punto de entrada válido das inscricións tamén para as administracións locais.
As actividades co gallo do Geolodía 2017 están organizadas pola Asociación de Amigos do Parque xeolóxico do Cabo Ortegal e financiadas polas administracións locais de San Sadurniño, Neda e A Capela, xunto coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Tamén colaboran a Sociedade Xeolóxica de España, a Asociación Española para a ensinanza das ciencias da Terra e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.