Saturday 16 de November de 2024

O FIE 2017 fomentará a xestión de ata 100 novos postos de traballo


A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá o Foro de Innovación para o Emprego 2017, que se celebrará no Palacio de Congresos os próximos 11 e 12 de maio. O tema central desta edición serán os sectores da economía circular.

O obxectivo principal do Foro será o de contribuír á dinamización do mercado de emprego, realizando accións de vinculación laboral directa e fomentando a xestión de novos postos de traballo, ao tempo de favorecer a mellora das competencias e cualificacións profesionais das persoas demandantes de emprego e informar sobre recursos e ferramentas útiles para a busca activa de traballo.

Economía circular
Dende a Comisión Europea proponse reusar, reparar, reconstruír e reciclar os materiais e os produtos, eliminando o concepto de desperdicio. Por iso pretende impulsar a transición de Europa cara a Economía Circular, como impulso á competitividade mundial, fomentando o crecemento económico sustentable e a creación de novos postos de traballo.

Así, están emerxendo múltiples opcións laborais baseadas no abandono do actual modelo produtivo centrado en producir, consumir e tirar, para pasar a un modelo onde os produtos usados se reutilizan e reaproveitan na maior medida posible ata esgotar a súa vida útil.

Nesta aposta, as cidades teñen un papel clave que desempeñar para asegurar unha boa correspondencia entre a demanda destes novos postos de traballo centrados nas TIC, a reciclaxe de residuos, a protección do medio ambiente, a agricultura ou o comercio local, co fin de asegurar unha mellora da empregabilidade das persoas e a creación de novos postos de traballo para a nosa veciñanza.

No Foro abrirase un espazo para abordar os distintos desafíos que ten o mercado de traballo da Área Metropolitana no ámbito da Economía Circular.

Con este encontro, no que participarán empresarios e persoal das diferentes administración, buscase reunir ideas para á innovación local e a creación dunha estratexia de emprego enfocada ao fomento das actividades económicas e a consolidación dun mercado de traballo metropolitano, baseada nun modelo de Economía Circular.

Actividades
O Foro da Innovación para o Emprego inclúe un amplo programa de actividades, agrupadas en oito bloques. Haberá máis de 40 obradoiros e relatorios, sesións de información e orientación, presentación de marca persoal, presentación de ideas innovadoras na Economía Circular, máis de 25 empresas con presentacións de recursos e produtos innovadores para a procura de emprego, encontros técnicos para a innovación na Economía Circular no ámbito local, etc.

Ademais, entre as actividades que se realizan no marco do Foro inclúese a xestión de ofertas de emprego. Este labor de intermediación laboral, de carácter público e gratuíto, é un servizo permanente da Axencia Local de Colocación. No marco do Foro da Intermediación e o Emprego 2017 prevese a xestión de 100 ofertas entre o 5 de abril e o 11 de maio. Algunhas das empresas participantes realizarán entrevistas de selección no propio Palacio de Congresos a persoas candidatas previamente convocadas.

No FIE 2017 funcionarán arredor de dez postos de información e orientación sobre recursos e programas relacionados co emprego e xestionados polo Concello de Santiago e organizarase un circuíto de obradoiros para mellorar a marca e imaxe persoal.

No Foro ábrese tamén a 2ª convocatoria do Concurso de Ideas innovadoras para o Emprego, dotado con dous premios de 10.000 € para a implementación dos proxectos gañadores.

Presentacións rápidas
As persoas participantes terán a ocasión de realizar presentación rápidas a empresas e servizos de consultoría e selección. Baixo o lema “Podes ser ti, preséntate e convéncenos”, os candidatos e candidatas terán cinco minutos para presentar a súa marca persoal, dos cales dous minutos serán para a presentación de vídeo curriculum ou infográfico e tres minutos para a presentación rápida en formato elevator pitch.

As persoas interesadas participarán en diferentes obradoiros de preparación nos días previos ao Foro, e contarán co asesoramento de persoal especializado en marca persoal, imaxe, oratoria e selección.