Friday 22 de November de 2024

A Xunta estende o Plan de mellora de bibliotecas a todos os centros a prol dunha educación de calidade a través do fomento da lectura e do coñecemento


Destaca que actualmente hai 600 centros dentro desta iniciativa, cuxo orzamento se incrementou durante a recesión económica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a extensión do Plan de mellora de bibliotecas a todos os centros públicos galegos de ensino, ampliando así o compromiso cunha educación de calidade, a través do fomento da lectura e do coñecemento.

Na presentación do Plan Lía 2016/20, no que se inclúe este proxecto, Feijóo lembrou que actualmente hai 600 centros dentro desta iniciativa, cuxo orzamento se incrementou durante a recesión económica. E explicou que para acadar este obxectivo se articularán actuacións con todo o profesorado destinadas ao fomento da lectura, da escritura.

Nesta liña, precisou que este proxecto incluirá dous principios indispensables: a alfabetización múltiple, que busca incorporar as novas tecnoloxías ao ensino e espertar o espírito crítico dos alumnos; e a aprendizaxe inclusiva, para atender mellor a diversidade e loitar contra o fracaso escolar.

Durante unha visita ao IES Plurilingüe Maruxa Mallo en Ordes, Feijóo fixo fincapé en que este plan aposta por formar sen obrigar, desde a lectura e o ocio, convertendo os rapaces en parte activa da súa propia educación. E como proba diso, referiuse ás actividades postas en marcha neste centro, como as mochilas viaxeiras.

O titular do Goberno galego lembrou que a Xunta puxo en marcha, hai xa sete anos, o Plan Lía de bibliotecas escolares coa convicción de que a lectura é o xeito de garantir unha educación pública de calidade. E, neste senso vinculou iniciativas como esta cos resultados sobre competencia lectora que amosa o informe PISA, segundo o cal os escolares galegos teñen un nivel superior á media española e europea.

Feijóo concluíu destacando e agradecendo o labor do profesorado e de toda a comunidade educativa: “Pola vosa implicación, o voso compromiso persoal e o voso interese por facer as cousas ben, acreditando que a educación pública é unha educación de calidade”, dixo.