A asociación de veciños “Os Pasos” vén de pechar o programa da festa, que incluirá unha Foliada da Merenda e verbena coas orquestras París de Noia e Fania Blanco Show
A Asociación de Veciños “Os Pasos”, da parroquia de Aiazo (Frades), vén de presentar o programa da duodécima edición da Festa da Merenda de Aiazo, que volverá ter lugar o Domingo de Ramos, neste caso 9 de abril. Unha festa na que se repartirán máis dun milleiro de “Merendas”, tortillas de masa con torriscos elaboradas aló mesmo por unha ducia de cociñeiras da parroquia.
A festa dará comezo ás 12:00 horas na área recreativa “Os Pasos” (GPS: 43º 0´58” N – 8º 16′ 54” W) coa degustación gratuíta das merendas, elaboradas baixo unha carpa pechada durante toda a xornada. Aínda que a base é común (feita con ovos, auga e fariña), despois cada cociñeira lle dá o seu toque persoal, tanto polo grosor da masa como por se as acompaña ou non por torriscos (láminas de touciño de porco).
Ás 13:30 horas terá lugar a actuación da Charanga DGT, que dará paso ao xantar. Ademais das merendas gratuítas, as familias poderán escoller entre traer a comida da casa (e utilizar as mesas e a contorna da área recreativa) ou optar por unha polbeira (de pago) que estará aberta todo o día baixo a carpa.
Foliada e orquestras
A partir das 16:00 horas terá lugar a gran Foliada da Merenda, organizada pola agrupación Sarillo de Aiazo en colaboración coa Asociación de Veciños “Os Pasos”. Contará coa participación dos grupos Reviravolta (Lardeiros), Agrocovo (Esteiro), Faíscas da Pontraga (Ordes) e os locais Sarillo (Aiazo). A partir das 18:30 horas comezará unha gran verbena a cargo das orquestras París de Noia e Fania Blanco Show, que se estenderá ata ben entrada a madrugada.
A Festa da Merenda naceu hai doce anos para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que naceu para lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutros tempos e que agora é unha das citas gastronómicas máis agardada da comarca. Ademais da degustación gratuíta, dende a organización volverán ofrecer por terceiro ano consecutivo a posibilidade de comprar merendas para levar, que se entregarán en caixas de pizza: unha por 3 euros, dúas por 5 euros.