Por primeira vez o festival celebrarase ao longo de 3 días: martes 4, xoves 6 e venres 7 de abril, ás 20:00 horas, no polivalente
O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá mañá martes 4 de abril, ás 20:00 horas, a primeira das tres actuacións do Festival de Música de Cámara (FECAM 2017) da Escola Municipal de Música Magariños. As outras dúas actuacións terán lugar o xoves 6 e o venres 7 de abril no mesmo escenario e á mesma hora. Nos tres casos a entrada é de balde ata completar aforo.
O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que “este ano decidimos dividir o concerto debido á súa extensión e para facelo máis cómodo para o espectador, pois temos prevista a actuación de máis dun cento de persoas e a extensión das pezas e dos movementos que van interpretar farían que fose demasiado longo. Deste xeito, o público poderá disfrutar de variados estilos musicais e instrumentais”.
Na sesión de mañá martes están previstas vinte pezas clásicas cun total de 45 intérpretes, xa que a maioría son pezas interpretadas a dúo ou en trío. Carlos Pintor explica que “o FECAM está orientado a ser un medio para que o alumnado poña en práctica unha serie de aspectos técnicos e musicais. A práctica da música de cámara cumpre unha función decisiva no desenvolvemento do oído musical, en todos os seus aspectos. O repertorio camerístico constitúe o medio idóneo para que o alumnado desenvolva o sentido da afinación, desenrolo que non pode deixar de ser instintivo e mimético, que se resiste a ser ensinando ou transmitido por métodos racionais e que require unha larga praxe musical, preferentemente en conxunto”.
O Festival está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.