Saturday 16 de November de 2024

Aprobada a resolución que actualiza a declaración de “zonas saturadas”


O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, vén de asinar a resolución pola que se actualizan e harmonizan as normas sobre declaración de zonas saturadas. Trátase do texto que fora presentado na mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna celebrada no pasado 15 de marzo, na que se puxeran de manifesto as dificultades que supuña o feito de ter introducido sucesivas modificacións no decreto aprobado en 2011, pero sen harmonizar o texto orixinario. A resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOP.

Na propia resolución advírtese de que as modificacións introducidas no decreto pero non harmonizadas “xeran confusións nas persoas destinatarias”. Así, por exemplo, na última modificación “fálase do artigo 5º da ordenanza cando os decretos anteriores non conteñen artigos nin a norma é unha ordenanza”.

Ademais, a resolución incorpora unha referencia ás comunicacións previas como novo título lexitimador do inicio de actividades, de acordo coa Lei de Emprendemento e Competitividade Económica de Galicia, e dálle cabida á instrución aprobada polo Concello sobre criterios aplicables en materia de cabida, ocupación e capacidade de evacuación de establecementos públicos.

A resolución non modifica as zonas declaradas como saturadas, que son “os sectores da cidade comprendidos polas seguintes rúas: da Conga, Bispo Xelmírez, San Paio de Antealtares, San Bieito, Vía Sacra, Algalia de Abaixo, Entremuros, Troia, Travesa, rúa Nova de Abaixo, Santiago del Estero, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Santiago de Chile, República Arxentina, Praza de Algalia de Abaixo, Cantón de San Bieito, Travesa de San Paio de Antealtares, Fonte Sequelo, praza de Feixóo e rúa de Abril Ares”.